Rocío Núñez será a candidata de Movemento Sumar Galicia en Santiago e prestará apoio a Compostela Aberta

Educadora social e cunha traxectoria de preto de dúas décadas no ámbito social, Núñez dá o paso para "unir á esquerda, fortalecer Compostela Aberta e impulsar e consolidar un Goberno municipal progresista"
rocio-nunez-candidata-sumar-santiago
1 Oct 2026

Rocío Núñez Rúa será a candidata de Movemento Sumar Galicia ás eleccións municipais de 2027 en Santiago de Compostela logo de ser escollida por unanimidade pola agrupación local. A organización presenta a súa candidatura ao tempo que expresa o seu apoio a Compostela Aberta, coa vontade de reforzar este espazo municipalista, contribuír á unidade da esquerda e darlle un novo impulso progresista ao Goberno de Santiago, que aspira a consolidar.

"Preséntome para unir á esquerda, para reforzar a Compostela Aberta e, sobre todo, para darlle un impulso progresista ao Goberno de Santiago. Queremos consolidalo, ampliar a súa capacidade de transformación e conseguir que as políticas municipais cheguen a máis xente", sinala Núñez. A candidata defende unha posición clara ante as próximas municipais: "Nin auga a Borja Verea. Sabemos cal é o modelo de cidade do PP, temos memoria. Os dereitos non se pagan con bonos. Os servizos públicos non se substitúen por cheques. E as necesidades das persoas, como a vivenda ou os coidados, non poden ser unha oportunidade de negocio. Unímonos para impedir que o PP goberne en Santiago”.

Movemento Sumar Galicia sitúa esta candidatura na súa aposta por construír espazos amplos de cooperación e capacidade para mellorar a vida da veciñanza. En Compostela, esa vontade concrétase no apoio a Compostela Aberta e na achega de persoas, experiencia e traballo para fortalecer un proxecto compartido de cidade.

A organización destaca que Rocío Núñez é "unha das persoas de Galicia que máis vive e coñece o terceiro sector", cunha traxectoria que conecta o traballo nas entidades sociais coa experiencia no sistema público de protección á infancia e nos servizos sociais municipais. Un coñecemento directo das necesidades da cidadanía que quere poñer ao servizo dunha Compostela máis xusta, feminista e inclusiva. "Unir á esquerda ten que servir para algo concreto, garantir dereitos, fortalecer os servizos públicos e facer que Santiago sexa unha cidade na que se poida vivir e recibir os coidados que cada persoa necesita. A unidade constrúese con xenerosidade, pero tamén con propostas e compromiso coa vida cotiá da xente", sostén Núñez.

Nacida en Cangas do Morrazo e afi ncada en Santiago de Compostela, Rocío Núñez Rúa é educadora social pola Universidade de Vigo e máster en Orientación e Mediación Familiar. Desde 2021 é funcionaria de carreira nos servizos sociais comunitarios e conta con preto de dúas décadas de experiencia no ámbito social, tanto no terceiro sector como no sistema público de protección á infancia e nos servizos sociais municipais. Nai, feminista e activista social, está implicada en diferentes espazos profesionais, sociais e feministas de Compostela. A súa entrada na política estivo ligada ás candidaturas municipalistas que fi xeron posibles os gobernos do cambio en 2015. Forma parte da Executiva Nacional de Movemento Sumar Galicia desde o nacemento da organización e, en 2026, foi elixida secretaria de Feminismos e Loitas LGTBIQA+ de Movemento Sumar a nivel estatal.

0.28126192092896