Rosa Pérez: 'Quero dar a coñecer a infancia nun poboado xitano a través das miradas dos nenos'

A fotógrafa presenta na Coruña 'Miradas', unha exposición que recupera imaxes tomadas hai máis de 16 anos no poboado do Carqueixo, en Lugo, para retratar a vida cotiá e a felicidade da infancia nunha contorna moi diferente
A CORUÑA rosa perez fotógrafa
Rosa Pérez
25 Nov 2026

As fotografías poden converterse nunha maneira de conservar aquilo que o tempo transforma ou fai desaparecer. Iso é precisamente o que busca Rosa Pérez con 'Miradas', unha exposición que poderá visitarse na Coruña os días 27 e 28 de novembro. A mostra reúne imaxes tomadas hai máis de 16 anos no poboado xitano do Carqueixo, en Lugo, un lugar que xa non existe e no que a fotógrafa quixo retratar a infancia desde a espontaneidade, a inocencia e a capacidade de gozar das pequenas cousas.

Con formación en fotografía e tamén como técnica en Educación Infantil, Pérez atopou neste proxecto a maneira de unir dúas das súas grandes paixóns. Agora, despois de manter as imaxes gardadas durante anos, decidiu compartilas co público. Falamos con ela sobre a orixe da exposición, os recordos que agochan as fotografías e a importancia de mirar a infancia sen prexuízos.

Como nace 'Miradas'? En que momento decides reunir estas fotografías e convertelas nunha exposición?

'Miradas' nace como proxecto final dos meus estudos no ciclo de fotografía no Ramón Falcón. Desde sempre me gustaron os nenos, de feito son técnica en Educación Infantil e traballo en escolas infantís. Tiña claro que quería facer o proxecto sobre os nenos do poboado do Carqueixo. Quería mesturar as miñas dúas paixóns: a fotografía e a infancia.

As fotografías que se van expoñer teñen como mínimo 16 anos. Son imaxes que levan moito tempo comigo e que agora quería sacar da caixa para que a xente as puidese ver e desfrutar delas.

Por que escolliches precisamente o poboado do Carqueixo?

Porque coñecía moitas das familias que vivían alí e iso facilitoume moito entrar no poboado e achegarme aos nenos. Tamén tiña relación con eles polo meu traballo nas escolas. Quería reflectir a infancia dun lugar cuxa realidade é moi diferente á que estamos acostumados.

Que queres transmitir coas fotografías?

Sobre todo, quero dar a coñecer a infancia nun poboado xitano. Gustaríame que a xente se fixase nas miradas dos nenos e vea que eran felices nese entorno, que desfrutaban do pouco que podían ter alí. Non necesitaban grandes luxos para divertirse. E a maiores tamén había que axudar nas tarefas cotiás, como recoller leña. Era outro nivel de vida, outra realidade.

Cartaz da exposición 'Miradas' de Rosa Pérez na CoruñaCartaz da exposición 'Miradas' de Rosa Pérez na Coruña

A fotografía que aparece no cartel ten unha mirada moi especial. Que hai detrás dese retrato?

É unha das nenas máis pequenas. Pasei polo menos dúas semanas facendo fotografías e esa imaxe representa moi ben o que quería conseguir. Na exposición tamén hai unha fotografía dunha tía e unha sobriña que transmite moita tenrura: a nena está comendo un bocadillo e a tía mira cara á cámara. A nena pequena móstrase coa súa inocencia, tal cal é.

En xeral, a maioría das fotografías de 'Miradas' son espontáneas. Algunhas están feitas con certa pose, pero noutras simplemente captaba o momento, sen que os nenos estivesen pendentes da cámara.

Pensaches algunha vez en volver fotografar aqueles mesmos nenos, agora xa adultos?

É algo que me gustaría facer. Como aínda manteño contacto con algúns dos nenos e das familias, pensei na posibilidade de repetir fotografías similares cos mesmos protagonistas, pero moitos anos despois. De momento é unha idea que está no aire, pero sería unha maneira moi bonita de dar continuidade ao proxecto e comprobar como cambiaron as súas vidas.

Como comezou a túa relación coa fotografía?

Comecei polo meu tío, que tiña unha cámara analóxica das antigas, de carrete. Collíaa de vez en cando e facía fotografías. Despois regaláronme unha cámara e vin que me gustaba moito. Presenteime a varios certames e conseguín algún premio.

A partir de aí animáronme a estudar fotografía no Ramón Falcón. Tamén participei en concursos e gañei un de fotografía de arquitectura do Colexio de Arquitectos. Tiven algunhas exposicións colectivas e esta mesma mostra xa pasou polo Xardín Botánico do Burgo e por outros espazos.

A fotografía é unha afección que sigo mantendo, aínda que non me dedico profesionalmente a ela, pero gústame que as fotografías non queden esquecidas nunha caixa. Quero que a xente poida velas e desfrutar delas, por eso intento expoñer cando se pode.

Que significa para ti levar agora 'Miradas' á Coruña?

Levo na cidade herculina arredor de sete anos e estou empezando a coñecer máis xente e a ter máis contactos. A exposición é tamén unha oportunidade para dar a coñecer o meu traballo na cidade e para que outras persoas poidan desfrutar destas fotografías.

Ademais, sei que hai outro rapaz que fixo un traballo fotográfico sobre un poboado da zona da Ponte Pasaxe. Sería interesante que puidésemos coincidir e coñecer os nosos respectivos traballos.

Que che gustaría que levase consigo alguén despois de visitar a exposición?

Que se deteña nas miradas dos nenos e que poida coñecer como era a súa infancia. Son fotografías dunha realidade que xa non existe, pero que merece ser lembrada. Gustaríame que quen as vexa poida desfrutar delas e achegarse a esa outra maneira de vivir a infancia.

Unha cita na Coruña

A exposición 'Miradas', de Rosa Pérez, poderá visitarse o venres 27 de novembro, de 19.30 a 22.00 horas, e o sábado 28 de novembro, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. A mostra estará situada na rúa Cantábrico, número 2, baixo esquerda, na Coruña.

0.61582207679749