Rubén Arroxo levará a experiencia de Lugo en políticas lingüísticas a un encontro europeo en Pamplona

O portavoz do BNG participará nun debate sobre a promoción das linguas minorizadas, no que compartirá iniciativas desenvolvidas durante os sete anos da formación no goberno municipal, como o programa Enredando co Galego
Rubén-Arroxo-Lugo
23 Oct 2026

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participará esta fin de semana nas xornadas europeas "Locals take the lead", que se celebran en Pamplona para intercambiar experiencias sobre políticas progresistas impulsadas desde as administracións locais. O encontro reunirá representantes electos de diferentes puntos de Europa e abordará medidas para mellorar os servizos públicos e fomentar a participación cidadá.

Arroxo intervirá nunha das dez mesas de debate previstas, centrada nas políticas municipais de promoción das linguas minorizadas. Compartirá espazo co alcalde de Leiza, David Anaut, de EH Bildu, e con Bróna Haughey, concelleira do Sinn Féin no distrito norirlandés de Armagh City, Banbridge e Craigavon.

Durante a súa intervención, o representante nacionalista exporá iniciativas desenvolvidas durante os sete anos de presenza do BNG no goberno local de Lugo. Entre elas figura "Enredando co Galego", un programa dirixido ao alumnado de Educación Secundaria que ofrecía experiencias de inmersión lingüística para achegar a mocidade ao uso do galego.

As xornadas inclúen outros espazos de debate nos que participarán representantes municipais de distintos países, como o alcalde de Tafalla, Xabier Alkuaz; Lasse Olsen, concelleira de Aalborg, en Dinamarca; e Silvia Hable, concelleira de Die Linke en Witzenhausen, Alemaña.

O obxectivo do encontro é compartir políticas públicas que teñan demostrado a súa utilidade para mellorar a vida da veciñanza, reforzar os servizos públicos e facilitar a implicación cidadá nas decisións municipais.

As xornadas están organizadas por EH Bildu e a Alianza Libre Europea, e contan co financiamento do Parlamento Europeo.

0.33198499679565