Rueda anuncia a primeira lei de Saúde Pública de Galicia para as primeiras semanas do 2027

O Executivo galego abre un proceso de consulta pública para recibir achegas da cidadanía e dos axentes implicados á redacción da norma
consello-de-goberno-xunta
12 May 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou iniciar a tramitación da primeira Lei de saúde pública de Galicia co obxectivo de “mellorar a resposta ante os riscos sanitarios xa existentes e os emerxentes, establecer protocolos de actuación e reducir a incidencia de enfermidades”.

O Executivo galego, na súa reunión de hoxe, deulle luz verde ao inicio da consulta pública previa á redacción deste anteproxecto de lei que establecerá un marco xurídico moderno, integral e adaptado ás necesidades actuais da saúde pública de Galicia. A través do proceso de consulta pública recolleranse as achegas da cidadanía e dos axentes implicados á redacción da norma.

“Queremos modernizar o marco xurídico en materia de saúde pública para responder aos desafíos actuais”, indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen falou dos novos riscos “sanitarios e ambientais” e os novos retos derivados do impacto do cambio climático, a globalización, a dixitalización, a transición demográfica e a crecente importancia da promoción e prevención.

Galicia presenta, ademais, retos específicos como o envellecemento da poboación ou a dispersión xeográfica, o que require unha abordaxe integral e sostida desde o punto de vista da saúde pública.

Así mesmo, a experiencia recente da pandemia incrementou a conciencia social e institucional sobre a necesidade de reforzar a saúde pública como piar estratéxico do benestar colectivo.

Rueda lembrou que as cuestións sobre saúde pública están recollidas noutra normativa máis ampla que ten case 20 anos- Lei 8/2008, de saúde de Galicia- e asegurou que situacións coma a vivida na pandemia da covid “fan necesario e imprescindible” desenvolver unha normativa “específica” en materia de saúde pública. O conselleiro indicou que a Xunta traballa co obxectivo de “aprobar e remitir ao Parlamento” a nova lei “a principios do vindeiro ano”.

Tal e como explicou Gómez Caamaño, a futura lei incorporará o enfoque de "saúde en todas as políticas", asegurando que as actuacións públicas de calquera sector teñan en conta o seu impacto na saúde da poboación, e adoptará o enfoque “unha soa saúde", integrando a saúde humana, animal e ambiental.

A lei reforzará as capacidades de vixilancia epidemiolóxica, alerta temperá e resposta ante riscos e emerxencias sanitarias, dotando o sistema de estruturas áxiles con autonomía técnica e operativa.

Regulación específica

Con esta lei regularase de forma específica a promoción de estilos de vida saudables incluída a alimentación, a actividade física, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas; a protección da saúde fronte a riscos ambientais e alimentarios, a inspección de saúde pública e o control oficial, a detección precoz de enfermidades e a creación de contornas saudables en centros educativos, laborais e comunitarios, incorporando o potencial das novas tecnoloxías e da análise avanzada de datos.

A norma modernizará a gobernanza da saúde pública en Galicia mediante a participación cidadá e comunitaria, a investigación e a innovación e a avaliación continua das políticas e programas.

Garantirase, ademais, a equidade territorial e a coordinación cos concellos, co Sistema Nacional de Saúde e cos organismos nacionais competentes. Impulso ás políticas activas de promoción da saúde.

A través da nova lei posibilitarase previr enfermidades antes de que aparezan mediante o impulso de políticas activas de promoción da saúde, o que se traducirá nunha poboación máis sa e nunha menor carga de enfermidade crónica.

En segundo lugar, a cidadanía contará cunha maior protección fronte aos riscos sanitarios, o que incrementará a seguridade e a confianza no sistema público.

Ademais, fomentarase unha maior participación da cidadanía e das comunidades locais, permitindo que as persoas teñan un papel máis activo na definición das políticas públicas que afectan a súa saúde.

En conxunto, a lei contribuirá a un modelo de sociedade máis saudable e equitativa, mellorando tanto a saúde individual como colectiva dos galegos e das galegas.

O marco normativo vixente en Galicia en materia de saúde pública está fundamentalmente recollido na Lei 8/2008, de saúde de Galicia, que constitúe unha norma de carácter xeral orientada á ordenación do sistema sanitario no seu conxunto.

Aínda que esta lei incorporou previsións relevantes en materia de saúde pública, non desenvolve de xeito específico e sistemático este ámbito e non responde plenamente, polo tanto, aos retos actuais.

En consecuencia, a nova norma permitirá ampliar e sistematizar o catálogo de actuacións e prestacións de saúde pública, definindo con maior detalle funcións, competencias e instrumentos e mellorando a eficiencia no uso dos recursos públicos.

Co obxectivo de cumprir estes obxectivos, a Xunta de Galicia abre o trámite de consulta pública no Portal de transparencia e goberno aberto, onde a sociedade galega poderá facer achegas á nova lei.

0.36934995651245