Rueda anuncia que a Xunta aproba a primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial con más de 400 M€

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, “con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros”. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que “a innovación forme cada día máis parte das empresas”, algo fundamental para “ser máis competitivos e non quedar atrás” nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico.
Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación. “É dicir, facilitar que as ideas e as innovacións tecnolóxicas estean presentes na industria e desde ela cheguen ao mercado”, indicou Rueda. “Queremos que o talento e coñecemento se convertan en capacidade produtiva, que a innovación remate en industrialización propia en Galicia e isto xere emprego cualificado na comunidade”, engadiu a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
A iniciativa parte da evolución positiva da innovación empresarial galega “que levou a cabo un crecemento exponencial” nos últimos anos, segundo resaltou a conselleira. Nesta liña, o presidente lembrou que “entre 2018 e 2024 o gasto empresarial en I+D medrou un 71 %, ata alcanzar os 510,5 millóns de euros, mentres que o persoal das empresas dedicado a estas actividades aumentou un 30 %”, ata as 6.285 persoas. Sobre este escenario, a Xunta busca agora ampliar o número de empresas que innovan, especialmente entre as pemes, e reforzar a aplicación do coñecemento ao tecido produtivo.
A Estratexia Galega de Innovación Empresarial estrutúrase en catro eixes (activar, potenciar, estruturar e mobilizar) que son complementarios e que inclúen un total de 14 medidas que abranguen todo o proceso de innovación: desde a incorporación de capacidades nas empresas ata o desenvolvemento e a comercialización de solucións tecnolóxicas, a colaboración entre os axentes do ecosistema e a mobilización de investimento.
Catro eixes para levar a innovación ao mercado
Tal e como explicou a conselleira, o primeiro eixe, cunha partida de 47,4 millóns de euros, chámase Activar a innovación nas empresas e “busca facilitar que a innovación forme parte habitual das nosas empresas, especialmente as pemes”, promovendo a incorporación de talento e capacidades especializadas a través de liñas como Innocap Galicia, creada para apoiar a incorporación de profesionais cualificados vinculados a proxectos de innovación e innova Mercado, dirixida a impulsar a comercialización dos produtos das startups.
O segundo eixe Potenciar a innovación, con 231,9 millóns de euros, desenvolverase a través de actuacións como TIC-MAQ, orientada ao desenvolvemento de tecnoloxías propias e maquinaria avanzada, e Accelerator Galicia, un novedoso instrumento que combina subvención e financiamento con participación do Igape e Xes Galicia. Tamén forma parte deste eixe a iniciativa Industrializa a Innovación que, cunha partida de 66,5 millóns de euros arrancará o próximo ano. Trátase dun novo programa de compra pública precomercial dirixido aos sectores estratéxicos da industria galega onde os centros tecnolóxicos actuarán como promotores de proxectos para facilitar a súa validación, industrialización e chegada ao mercado.
O terceiro eixe, Estruturar e conectar (9,4 M€), reforzará a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e outros axentes do ecosistema. Neste ámbito destacan, entre outros, programas como MatchINN Galicia para conectar necesidades empresariais con solucións innovadoras e Business Wallet Galicia, para simplificar trámites coa Administración.
O Igape destinará un total de 113,1 millóns de euros a Mobilizar o investimento, o cuarto e último eixe. A súa finalidade é facilitar que os proxectos conten cos recursos para desenvolverse. Para iso, incorpora ferramentas como XesTransforma, destinada a mellorar a preparación dos proxectos tecnolóxicos para o investimento, e o Fondo Venture Studio, orientado a converter ideas innovadoras en iniciativas viables. Estas actuacións complementaranse cos instrumentos de financiamento do Igape e XesGalicia.
A primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial tamén incorpora un modelo de acompañamento máis personalizado e proactivo por parte do Igape, que permitirá adaptar os apoios á situación de cada empresa, ao seu grao de madurez innovadora e ao seu potencial de crecemento. O obxectivo é facilitar que cada compañía identifique e aproveite os recursos máis axeitados en cada fase do seu desenvolvemento e, polo tanto, favorecer a fabricación de solucións innovadoras en Galicia.
Con esta iniciativa, a Xunta busca ampliar a base empresarial innovadora e reforzar a conexión entre coñecemento, industria e mercado. Rueda resaltou que, entre os obxectivos fixados para 2028, figuran “incrementar nun 25 % o número de empresas innovadoras, superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación, alcanzar máis de 4.200 persoas dedicadas” a actividades internas de innovación nas empresas e superar os 2.700 beneficiarios dos instrumentos públicos de apoio.