Rueda aposta por mobilizar 900 millóns ata 2030 para impulsar a seguridade e defensa en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na clausura do III Congreso Maritime Trends Summit, celebrado en Vigo, onde salientou a aposta do Goberno galego por consolidar Galicia como referente no ámbito da seguridade e da defensa.
Rueda asegurou que este sector representa unha nova oportunidade para a industria naval e marítima galega, que pechou 2025 concentrando o 41 % do volume de traballo estatal e un terzo dos novos contratos, segundo destacou no acto organizado por Asime.
O presidente lembrou que a Xunta aprobou a Estratexia en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2030, que contará cun investimento público de 183 millóns de euros co obxectivo de mobilizar ata 900 millóns. A iniciativa busca reforzar as capacidades produtivas, facilitar o acceso a capital e infraestruturas e promover a colaboración público-privada.
Ademais, a Xunta vén de lanzar a primeira liña de axudas para apoiar ás empresas galegas interesadas en posicionarse como subministradoras no ámbito da defensa, cunha dotación inicial de 1,5 millóns de euros.
Plan director do naval
Rueda puxo en valor tamén o novo Plan director do Naval, dotado con case 63 millóns de euros, orientado á modernización, dixitalización e mellora da competitividade dun sector estratéxico para a economía galega e símbolo da marca Galicia Calidade.
Enerxías verdes vinculadas ao mar
O presidente destacou igualmente o potencial de Galicia nas enerxías renovables mariñas, como a eólica mariña e a mareomotriz, que supoñen unha nova vía de crecemento para a industria marítima “con todas as garantías ambientais”.
Neste contexto, o Executivo galego solicita ao Goberno central a participación de Galicia na primeira poxa pública de eólica mariña en España e a habilitación dunha nova plataforma experimental en Punta Langosteira para probar tecnoloxías punteiras sen afectar ao medio mariño.