Rueda defende no Salón Gourmets o liderado gastronómico galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o potencial de Galicia como referente gastronómico no Salón Gourmets de Madrid, destacando a calidade dos produtos, o prestixio dos profesionais e o recoñecemento da marca Galicia Calidade.
Rueda Salon Gourmet
9 Apr 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe a 38ª edición do Salón Gourmets en Madrid, un evento considerado como o principal escaparate nacional e europeo da cociña de alta gama. Durante a súa intervención, Rueda reivindicou o liderado gastronómico galego grazas á excelencia dos seus produtos e ao prestixio da marca Galicia Calidade.

O titular do Executivo galego destacou a importancia deste encontro para “informarse, aprender e amosar todo o que Galicia ten que ofrecer no eido da gastronomía”. Subliñou tamén que a presenza da marca Galicia Calidade é clave para o recoñecemento exterior e que “non se debe deixar de promocionar”.

Segundo explicou, Galicia conta cunha “posición privilexiada” no sector da alimentación, con produtos de enorme calidade elaborados por profesionais con ampla experiencia e prestixio recoñecido. Neste sentido, fixo fincapé en que “o mundo é moi competitivo” e que Galicia ten que saber “vender ben” o que produce.

A comunidade galega acumula 17 Estrelas Michelin —tres delas con dobre estrela— e 43 Soles Repsol, ademais de máis de 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas no seu sector agroalimentario.

No Salón Gourmets, Galicia está representada por 39 expositores propios da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, espazos dedicados á cata de mel e queixos, e outros 37 co-expositores dentro da campaña “Galicia Sabe Amar”

⚙ Configurar cookies
0.10547804832458