Rueda salienta o papel de Stellantis Vigo como motor da automoción tras acadar os 15 millóns de vehículos

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou no porto de Bouzas, en Vigo, no embarque do vehículo número 15 millóns fabricado pola planta de Stellantis Vigo, un fito que cualificou como exemplo do camiño de excelencia da factoría.
Rueda salientou que un de cada catro vehículos producidos en España o pasado ano saíu da planta viguesa, consolidando o selo Galicia Calidade no mercado global. “Aquí traballan milleiros de persoas que fan que esta esquina da Península conte cunha das industrias automobilísticas máis potentes de Europa”, destacou.
O presidente puxo en valor este logro nun contexto internacional complexo para o sector, marcado pola electrificación, as novas normativas, a competencia de terceiros países, a política arancelaria e o risco de deslocalización.
Neste escenario, reafirmou o compromiso da Xunta coa automoción a través dun plan director específico e de liñas extraordinarias de axudas que suman máis de 230 millóns de euros ata 2027, destinadas a afrontar retos como a descarbonización.
Bouzas, porto de récord
Rueda tamén felicitou á Autoridade Portuaria polos resultados da terminal de Bouzas, que no último ano superou os 670.000 vehículos operados, acadando o mellor rexistro da súa historia.
O presidente destacou que este éxito responde a unha estratexia planificada que inclúe a ampliación da capacidade de almacenamento cun novo silo previsto para 2027, a futura autoestrada ferroportuaria —a única aprobada nun porto peninsular— e o porto seco na Plisan.
Segundo indicou, estes proxectos consolidan Vigo como nodo loxístico estratéxico a nivel europeo, reiterando o apoio do Executivo galego para garantir o crecemento e a competitividade do sector.