Ryanair pecha a súa base en Santiago, marcha de Vigo e deixa só cinco rutas en Galicia

A aeroliña recorta dous millóns de prazas en España, elimina conexións clave dende Compostela e confirma a súa saída de Vigo, mentres Xunta, Goberno e Aena intercambian acusacións polo futuro do tráfico aéreo.
Ryanair
4 Sep 2025

Ryanair fixo oficial este mércores un duro recorte na súa operativa en España, que afectará de xeito directo a Galicia. A compañía irlandesa anunciou o peche da súa base en Santiago de Compostela, a saída definitiva do aeroporto de Vigo e a redución a só cinco rutas dende Lavacolla, con 15 voos semanais a partir da tempada de inverno, que arrinca a finais de outubro.

Desaparecen conexións habituais como Madrid, Barcelona, Málaga, Alicante, Gran Canaria, Palma de Mallorca ou Zaragoza, mentres que os enlaces que permanecen —Tenerife Sur, Valencia, Lanzarote, Londres e Sevilla— verán reducida a súa frecuencia, salvo Sevilla, que manterá catro voos semanais.

O anuncio chega no marco dun recorte xeral de dous millóns de prazas en toda España, co que Ryanair xustifica a súa medida no incremento do 6,2 % nas taxas aeroportuarias que aplicará Aena en 2025, tras unha década conxeladas. O conselleiro delegado, Eddie Wilson, advertiu que isto suporá “perda de investimento, conectividade, turismo e emprego” na España rexional.

En Galicia, a decisión implica tamén o fin da ruta entre Vigo e Londres-Stansted, xa prevista para xaneiro ao caducar o convenio co Concello.

Reaccións

O Goberno central cualificou a medida de “chantaxe” e lembrou que ningunha compañía pode condicionar o sistema tarifario estatal.

A Xunta, a través do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, acusou a Aena de priorizar os grandes aeroportos e demandou unha reunión urxente do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia para esixir un cambio de política que apoie as terminais medianas e pequenas.

Pola súa parte, o presidente de Aena, Maurici Lucena, replicou con dureza á aeroliña, acusándoa de actuar con “deshonestidade, insolencia e unha concepción plutocrática” ao presionar gobernos e reclamar beneficios a curto prazo. Tamén lembrou que os aeroportos rexionais pagan taxas moito máis baixas (2 € por pasaxeiro fronte á media de 10,35 €) e apuntou que o máximo directivo de Ryanair cobrará este ano un bonus superior a 100 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.32952117919922