Salvador de Madariaga será nomeado fillo predilecto da Coruña

O Concello da Coruña iniciará os trámites para conceder a Salvador de Madariaga o título de fillo predilecto da cidade. Así o anunciou este xoves a alcaldesa, Inés Rey, durante a homenaxe organizada polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses con motivo do 50 aniversario do regreso do intelectual á Coruña tras o seu exilio, unha efeméride que coincidiu ademais co 140 aniversario do seu nacemento, o 23 de xullo de 1886.
No acto, celebrado no Salón de Sesións de María Pita, a rexedora destacou a figura de Madariaga como un dos grandes referentes intelectuais da cidade. “Salvador de Madariaga pertence a unha xeración de xigantes sobre cuxos ombros avanzamos hoxe. Grandes intelectuais e artistas que, desde diferentes posturas e convencementos, contribuíron desde os seus respectivos recunchos a deixar un legado que puidésemos recoller e transformar en algo bonito e valioso. Unha sociedade máis xusta, máis ampla, máis comprensiva”, afirmou.
A alcaldesa explicou que a proposta de nomeamento pretende contribuír a manter vivo o legado do escritor, diplomático e pensador coruñés. “Desta forma, este Goberno quere contribuír a que a vida e obra deste grande intelectual galego siga viva e presente. Para que todo aquilo que nos ensinou no pasado sirva para tamén para seguir traballando nun futuro mellor e máis xusto”, sinalou.
Durante a súa intervención, Rey tamén puxo en valor a defensa da democracia e o compromiso de Madariaga durante os corenta anos que permaneceu exiliado tras a Guerra Civil. “Foron tantas as facetas que lle mostrou ao mundo que é difícil describir nunhas poucas palabras quen foi e que fixo. Un demócrata. Un intelectual. Un escritor. Un poeta. Un pensador. Todo isto é certo, mais non é todo. O que elevou realmente a figura xa inmensa de Madariaga foi o gran drama da súa vida. Un exilio de 40 anos. Lonxe da súa España e da súa Galicia. Lonxe das xentes, a cultura, as tradicións e as cidades que tanto amaba. Lonxe da terra dos seus recordos. E, con todo, desde lonxe, nunca perdeu a profunda conexión interior co seu fogar”, manifestou.
A rexedora reivindicou ademais a dimensión máis persoal do intelectual coruñés, asegurando que entregou “case media vida a que no seu país volvese saír o sol”. “A democracia, pola que Madariaga tanto sacrificou, merece sempre a pena”, engadiu.
Na homenaxe participaron tamén o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; a directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, Ana Romero Masiá; o numerario da institución Emilio Grandío Seoane; o guitarrista Marcos Álvarez González, que interpretou a peza Homenaxe a Toulouse Lautrec, de Eduardo Sainz de la Maza; o actor de dobraxe Santiago Fernández, que recitou a Elegía a la muerte de Federico García Lorca, escrita por Madariaga e publicada en 1937; e o debuxante Siro López, autor dunha caricatura conmemorativa da que se entregou unha copia ao Concello.