San Cibrao prepárase para celebrar a 41ª Maruxaina cun amplo programa de tradición, música e lecer

O Concello de Cervo xa ten practicamente todo listo para a celebración da 41ª edición da Festa da Maruxaina, unha das citas máis representativas do calendario festivo galego e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. San Cibrao converterase durante toda a fin de semana nun punto de encontro para veciñanza e visitantes, cunha programación que combinará tradición mariñeira, cultura popular, gastronomía e música en directo.
As actividades arrancarán xa nos días previos á festa. Entre o luns 3 e o xoves 6 de agosto organizaranse viaxes en barco aos Farillóns, con saída desde o porto de San Cibrao. A iniciativa permitirá descubrir desde o mar un dos espazos naturais máis singulares do litoral cervense, con diferentes horarios de saída repartidos ao longo das xornadas.
A conta atrás continuará o venres 7 de agosto coa celebración da Pre-Maruxaina. A partir das sete da tarde, a Praza Nardo Martínez acollerá o tradicional chupinazo que marcará o inicio do ambiente festivo. A programación incluirá a concentración de Maruxain@s, degustacións populares de empanadas e bolos preñados, así como unha nova edición dos Cantos de Taberna, que encherán de música os locais hostaleiros da vila. Durante esa mesma xornada celebrarase tamén o acto de nomeamento do Maruxain@ de Honra 2026, organizado por Amigos da Maruxaina, mentres que o grupo A Rebolaxe será o encargado da animación musical.
O sábado 8 de agosto chegará o día grande da celebración. A xornada comezará ás 11.00 horas cun novo chupinazo e un pasarrúas, ao que seguirá o desfile popular "Engaiolamos á Maruxaina", acompañado polo son do corno mariñeiro e das gaitas. Durante toda a mañá, charangas e bandas itinerantes percorrerán as rúas de San Cibrao para manter vivo o ambiente festivo.
Xa pola tarde, ás 18.30 horas, a Praia do Torno será escenario dunha nova edición dos tradicionais Xogos da Maruxaina, organizados pola Asociación Mar de San Ciprián, unha actividade que reúne cada ano a participantes de todas as idades arredor de diferentes probas populares.
A partir das 23.00 horas chegará o momento máis esperado da festa coa aparición da lendaria Maruxaina na Praia do Torno. O seu desembarco, acompañada polos mariñeiros, volverá converterse no acto máis simbólico da celebración e dará paso a un espectáculo de fogos artificiais. A continuación celebrarase o tradicional Xuízo Popular, organizado coa colaboración de Amigos da Maruxaina e da Asociación Mar de San Ciprián, antes de iniciar o percorrido ata a Praza dos Campos.
A festa continuará con música tradicional, unha gran queimada popular e a verbena, que nesta edición correrá a cargo do Grupo Elebe 2.0 e da Orquestra Arizona, encargados de pechar unha das noites máis agardadas do verán cervense.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que a Maruxaina representa "moito máis ca unha festa", ao constituír un dos principais símbolos de identidade de San Cibrao e de todo o municipio. A rexedora puxo en valor o traballo que realizan durante meses asociacións, colectivos e centos de persoas para facer posible unha celebración que soubo medrar mantendo intacta a súa esencia e convidou tanto á veciñanza como aos visitantes a participar con responsabilidade, respecto e ganas de gozar dunha das festas máis singulares de Galicia.
Co obxectivo de garantir o normal desenvolvemento de todos os actos, o Concello habilitará un dispositivo especial de seguridade en coordinación cos distintos corpos e forzas de seguridade. Ademais, durante toda a celebración permanecerán operativos un Punto Lila e un posto de atención para ofrecer información, asistencia e reforzar as medidas de prevención.