San Domingos abre unha nova tempada de visitas guiadas no Museo de Pontevedra

O programa permite coñecer de balde o edificio máis antigo do Museo de Pontevedra con explicacións do seu valor histórico e patrimonial
RUÍNAS-SAN-DOMINGOS-museo-Pontevedra
30 May 2026

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, o edificio máis antigo dos sete que integran o Museo de Pontevedra.

As visitas desenvolveranse de martes a venres ás 12:00 horas e os sábados ás 18:00 horas, sendo necesaria a reserva previa a través da web oficial do museo, museo.depo.gal. Trátase dunha actividade gratuíta que conta coa guía do equipo de Educación do museo e cunha duración aproximada de media hora, na que se achega ao público a historia do edificio e o valor das pezas expostas no seu interior.

Ademais destas visitas guiadas, o espazo poderá percorrerse de forma libre ata o 31 de outubro. O horario de apertura será de martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, mentres que os domingos e festivos abrirá só en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas. Os luns permanecerá pechado.

As Ruínas de San Domingos constitúen un dos enclaves patrimoniais máis emblemáticos de Pontevedra. O conxunto está formado polos restos da antiga igrexa e do convento dominico, fundado arredor do ano 1282. Do edificio consérvase a cabeceira da igrexa con cinco ábsidas, un exemplo excepcional do gótico galego, parte do muro sur e o acceso á antiga sala capitular, elementos correspondentes a reformas realizadas a partir de 1383.

0.41119408607483