San Roque 2026 busca xa as súas persoas representantes en Betanzos

As festas patronais de San Roque 2026 comezan a tomar forma en Betanzos. O Concello abriu o prazo para que a veciñanza poida presentar candidaturas ao proceso de elección das persoas representantes das celebracións, unha figura que desde hai anos substitúe á tradicional raíña das festas e que aposta por un modelo máis inclusivo e aberto.
As persoas interesadas poderán anotarse ata o 16 de xuño a través da páxina web municipal. A convocatoria está dirixida a veciños e veciñas empadroadas en Betanzos que non desempeñasen este papel en edicións anteriores.
Haberá dúas categorías. A de representante maior estará destinada a persoas nacidas nos anos 2007 e 2008, mentres que a infantil será para as nacidas en 2017 e 2018. No caso das persoas menores de idade, será imprescindible contar coa autorización dos pais, nais ou titores legais.
Se se presentan varias candidaturas, a elección realizarase mediante sorteo público entre todas as solicitudes admitidas. O acto está previsto para o 18 de xuño, ás 13.00 horas, no Salón Azul do edificio Arquivo, e o resultado será comunicado posteriormente ás persoas participantes.
As persoas escollidas poderán elixir libremente a vestimenta e as cores coas que participarán nos desfiles, sempre dentro dun contexto acorde coa celebración. Tamén poderán decidir a composición da súa comitiva nos desfiles dos días 14, 15 e 16 de agosto, cun máximo de 24 integrantes.