Sanidade convocará por concurso de méritos as 25 prazas vacantes de médico de urxencias do CHUO

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou este mércores a próxima convocatoria por concurso de méritos das 25 prazas vacantes de facultativo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), unha medida coa que a Xunta pretende cubrir de forma estable os postos actualmente sen titular.
O anuncio produciuse durante unha reunión de traballo con profesionais do complexo hospitalario, na que tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León; o director de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba.
Segundo explicou o titular de Sanidade, a convocatoria realizarase mediante o sistema de concurso de méritos para axilizar a incorporación de profesionais a un servizo que presenta necesidades de persoal. Esta fórmula será posible grazas á reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado 7 de xullo, que inclúe as prazas de medicina de urxencias do CHUO dentro desta categoría.
Co obxectivo de facer máis atractivos estes postos, a Xunta tamén aplicará un incentivo consistente en valorar co triplo de puntuación os servizos prestados nas urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Esta medida permitirá que os profesionais da unidade conten cunha vantaxe en futuros procesos selectivos e concursos de traslados.
Na actualidade, as necesidades asistenciais do servizo estanse atendendo mediante contratos de interinidade por acumulación de tarefas e a través dun programa especial polo que facultativos doutras áreas sanitarias prestan apoio nas urxencias do hospital ourensán.
Durante o encontro, Gómez Caamaño agradeceu o labor desenvolvido tanto polos profesionais do CHUO como polos médicos desprazados doutras áreas sanitarias, asegurando que “co seu esforzo e compromiso, están a manter a calidade asistencial dos servizos de urxencias do hospital ourensán”.
O conselleiro lembrou ademais que a Xunta leva anos impulsando medidas para mellorar as condicións laborais e retributivas do persoal médico de urxencias do Servizo Galego de Saúde. Desde 2024 incrementáronse en 149 as prazas deste colectivo e aprobáronse melloras como a subida progresiva do valor da hora da xornada complementaria, con efectos retroactivos desde o 1 de abril, e compensacións polas quendas de maior carga asistencial. Segundo os datos facilitados pola Consellería, estas medidas suporán unha mellora retributiva media duns 3.560 euros anuais por facultativo.
Gómez Caamaño destacou tamén que Galicia conseguiu fidelizar máis do 77 % dos médicos internos residentes (MIR) que remataron este ano a súa formación, unha porcentaxe que alcanza o 84 % na especialidade de medicina familiar e comunitaria. Neste ámbito, 29 novos facultativos incorporáronse xa aos servizos de urxencias hospitalarias galegas.
Así mesmo, salientou que este ano seis médicos internos residentes están a formarse por primeira vez nos servizos de urxencias da comunidade tras a creación da especialidade, e avanzou que o próximo curso Galicia ofertará 725 prazas de formación sanitaria especializada, das que 24 corresponderán á especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.