Sanidade presenta na Mesa Sectorial novas medidas para a reforma da Atención Primaria como as axendas de 30 horas

A Consellería de Sanidade acolleu unha nova reunión da Mesa Sectorial na que o departamento sanitario da Xunta presentou ás organizacións sindicais o documento do grupo de traballo de axendas constituído para avanzar na reforma da Atención Primaria co fin de acadar un modelo máis proactivo e resolutivo deste nivel asistencial.
Na reunión informouse das conclusións dun dos dous grupos de traballo constituídos, concretamente o de Planificación Asistencial e Reforma Organizativa da Atención Primaria, centrado nas axendas e na organización da actividade nos centros de saúde.
Así, a Consellería de Sanidade propón un modelo de axendas de calidade, con tempos mínimos de consulta; a redución de tarefas administrativas ineficientes dos médicos mediante a potenciación das áreas administrativas; a estandarización e optimización de procedementos non propiamente asistenciais; o impulso do traballo en equipo; e a potenciación da nova Unidade Técnica de Apoio á Atención Primaria.
En termos xerais, a idea sería 30 actos asistenciais en atención primaria xeral: 20 citas a demanda, cinco actos de receitas e cinco de actividade programada, como probas ou cirurxías menores.
Pola súa banda, a axenda dos pediatras quedaría con 25 actos, dos cales 14 ocos serían para citas a demanda, dous actos para receitas e 60 minutos para o programa de saúde infantil.
Tamén se porán en marcha novos modelos de gobernanza, onde se potenciará a figura dos xefes de servizo de atención primaria.
Ademais, realizarase un seguimento continuo da atención sanitaria prestada, avaliando constantemente a capacidade de resposta dos distintos servizos sanitarios.
No encontro cos representantes sindicais desta mañá explicouse que a reforma da atención primaria que impulsa a Xunta se basea en tres eixos fundamentais: cambios estruturais, reorganización asistencial e sustentabilidade retributiva.
O documento completo de reforma da atención primaria será presentado ao detalle en próximas datas, unha vez se dispoña das conclusións do outro grupo de traballo creado, centrado nos recursos humanos e no modelo retributivo.
De feito, neste mes de xuño está previsto celebrar outra Mesa Sectorial de Sanidade para presentar as conclusións do segundo grupo de traballo, de Planificación Asistencial e Retribucións.
Co fin de potenciar e outorgar un maior protagonismo a este nivel asistencial, a Xunta avanza na nova estrutura do Servizo Galego de Saúde, coa creación da Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria, e tamén co reforzo da atención primaria na estrutura das diferentes áreas sanitarias.
O obxectivo da folla de ruta que está impulsando a Consellería de Sanidade consolidará un novo modelo de atención primaria máis accesible, máis próximo e multiprofesional, garantindo a protección dos tempos clínicos e orientado a acadar resultados en saúde, fundamentándose en indicadores que permitan a trazabilidade dos obxectivos fixados.