Santiago abre dilixencias polos incumprimentos no transporte urbano

A concesionaria comunicou nos últimos días un volume «anormalmente elevado» de avarías que estaba a comprometer a prestación do servizo
xan-duro-e-jose-ramon-mosquera-santiago
27 Nov 2026

O Concello de Santiago abriu dilixencias previas para investigar os incumprimentos detectados no servizo de transporte urbano e requiriralle á empresa concesionaria, TRALUSA, que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para garantir a realización de todas as expedicións previstas nas distintas liñas de autobús.

Así o anunciou este venres o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, para explicar a situación do servizo tras detectar un número elevado de avarías na frota de autobuses.

Segundo explicou Duro, a concesionaria comunicou nos últimos días un volume «anormalmente elevado» de avarías que estaba a comprometer a prestación do servizo. Ante esta situación, Tussa realizou dúas inspeccións para comprobar o estado dos vehículos dispoñibles.

A primeira delas tivo lugar o pasado martes nas cocheiras de Amio. Nela localizáronse nove autobuses con avarías de longa duración, dous vehículos coa nova rotulación correspondente ao contrato que entrará en vigor a mediados de decembro e que, polo tanto, aínda non podían prestar servizo, e outros catro autobuses adscritos á concesión que non estaban nas instalacións nin cubrindo ningunha liña.

A segunda inspección realizouse este venres ás 6.00 horas e permitiu localizar dez autobuses avariados, catro vehículos coa nova rotulación e outros tres adscritos ao servizo que tampouco estaban nas cocheiras nin realizando expedicións.

Tras a primeira inspección, o Concello iniciou dilixencias previas para investigar os posibles incumprimentos, un procedemento que podería derivar na imposición de penalidades á empresa concesionaria. Agora, despois da segunda revisión, remitiralle un requirimento formal a TRALUSA para que garanta o cumprimento da totalidade das expedicións, así como dos horarios e das frecuencias establecidos en cada liña.

A empresa deberá facilitar ao Concello información sobre os servizos que non se realizaron, as causas concretas das cancelacións, os vehículos dos que dispón efectivamente e as medidas que prevé adoptar para asegurar o funcionamento normal do transporte urbano.

Durante a súa comparecencia, Xan Duro lembrou que «a empresa concesionaria do transporte non pode modificar unilateralmente as condicións do servizo», como, segundo indicou, está a suceder na práctica. Neste sentido, subliñou que o feito de que TRALUSA forme parte da unión temporal de empresas adxudicataria do novo contrato, que entrará en vigor en decembro, non modifica as súas obrigas como actual prestadora do servizo.

O concelleiro insistiu en que a preparación da nova concesión non pode repercutir no funcionamento actual do transporte urbano. Tamén aclarou que non todos os autobuses coa nova rotulación que aparecen estacionados nas cocheiras de Amio están adscritos ao contrato vixente, xa que algúns están preparados para comezar a funcionar coa nova concesión a partir do 15 de decembro.

O novo contrato contempla unha frota de 67 autobuses, fronte aos 51 previstos na concesión actual.

Por último, Duro asegurou que o Goberno municipal é consciente da situación que atravesa o transporte urbano e que comparte o malestar das persoas usuarias, unha circunstancia que, segundo afirmou, xa lle foi trasladada á empresa. O concelleiro tamén quixo agradecer o traballo dos condutores e condutoras, que están a soportar unha presión engadida polas incidencias dun servizo cuxos problemas, remarcou, non son responsabilidade dos profesionais que o prestan.

2.2544519901276