Santiago acolle a primeira edición de Paisaxes Liminais, sete citas con arte sonora e música experimental

Santiago acollerá entre agosto e novembro a primeira edición de Paisaxes Liminais, un ciclo de sete citas con arte sonora e música experimental organizado por Códex, con artistas de Galicia, Palestina, Francia, Portugal, Vietnam e máis países, e actividades para todos os públicos.
Maria COmpostela
15 Aug 2025

A concelleira de Xuventude, María Rozas, presentou esta mañá a xornada Paisaxes Liminais, un ciclo organizado pola plataforma Códex que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre o 23 de agosto e o 29 de novembro. Serán sete encontros con artistas nacionais e internacionais, todos de balde ata completar aforo, en espazos como o Centro Sociocultural de Caramoniña, o Centro Xove da Almáciga e a Libraría Pedreira.

Segundo explicou María Serrano, integrante de Códex, esta primeira edición nace coa vontade de ofrecer “unha programación enfocada á arte sonora, á música experimental e ás revisións das músicas tradicionais desde unha perspectiva social”, tecendo redes entre Galicia, Palestina, Francia, Líbano, Euskadi, Portugal e outros territorios, e pensando nun público diverso que tamén inclúe o infantil.

A programación contará con nomes como Radio Hito (Vietnam/Bruxelas), Richard Hronsky (Eslovaquia), Lise Barkas (Francia), Shakeeb Abu Hamdan (Líbano), Lea Roger (Francia), NU NO (Portugal), así como artistas galegas como Esperanza Natalia, Noela Covelo, Malafera ou Irene Ivankovà. Ademais haberá conversas con Bint Mbareh e o Palestinian Sound Archive (Palestina) e un obradoiro infantil de instrumentos vexetais a cargo de Pablo Carpintero.

Programa destacado

23 agosto – Caramoniña: Léa Roger (arpa celta) e Esperanza Natalia (zanfona).

27 setembro – Libraría Pedreira: Bint Mbareh, concerto e conversa sobre auga e son en Palestina.

10 outubro – Centro Xove: Richard Hronský (fuxara) e Malafera (poesía sonora).

11 outubro – Centro Xove: Obradoiro infantil de instrumentos vexetais con Pablo Carpintero (desde 8 anos, inscrición previa).

25 outubro – Libraría Pedreira: Palestinian Sound Archive, sesión en directo e conversa.

15 novembro – Libraría Pedreira: Lise Barkas (zanfona e gaita) e NU NO (performance).

29 novembro – Centro Xove: Shakeeb Abu Hamdan (percusión), Radio Hito (teclado e poesía sonora), Noela Covelo & Garazi Navas (voz e acordeón) e Irene Ivankovà (música ambiental).

A plataforma Códex, creada en Berlín en 2018 por María Serrano e Iago Pedreira, programou máis de 300 artistas en salas, galerías e espazos autoxestionados, sendo recoñecida en 2022 e 2023 co premio “Tag der Clubkultur” como unha das mellores programacións da capital alemá. No seu regreso a Santiago en 2024, crearon tamén Códex Editora, selo musical e editorial que estrearon este ano con “Landlocked” de Mo’ong Pribadi e Sholto Dobie.

⚙ Configurar cookies
0.24671506881714