Santiago acollerá en 2026 o VIII Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos

Santiago será a sede do VIII Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos en 2026, un foro que reunirá a especialistas e representantes institucionais de España e Portugal para afondar na democracia participativa.
Encontro Iberico 2026
29 Jul 2025

Santiago será a sede, en 2026, do VIII Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos, un evento que reunirá a representantes de diferentes municipios da península e a expertos en democracia participativa de España e Portugal. O foro busca consolidar unha cultura da participación cidadá e da transparencia na xestión pública, promovendo unha gobernanza máis inclusiva e sostible.

Na organización do encontro participan o Observatorio Internacional de Democracia Participativa, Coglobal e Oficina, co apoio do Concello de Santiago a través do departamento municipal de Xuventude.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, agradeceu a elección de Santiago como sede do encontro, que permitirá “compartir a nosa experiencia nos procesos de orzamentos participativos e aprender do que están a facer noutros municipios de todo o Estado e de Portugal”.

Rozas lembrou que “Compostela recuperou os orzamentos participativos neste mandato na área de Xuventude, e en cada edición vemos unha maior implicación e un maior número tanto de propostas como de votos”. Para a tenenta de alcaldesa, “os orzamentos participativos teñen demostrado ser unha ferramenta moi valiosa para situar á cidadanía no centro das decisións públicas, e no caso concreto de Santiago estannos permitindo chegar directamente á mocidade, que moitas veces se sente afastada da institución municipal”.

O Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos naceu en 2012 co obxectivo de crear espazos estables de cooperación arredor da democracia participativa. A primeira edición tivo lugar en Odemira (Portugal), e desde entón pasou por Mollina (Málaga), Ponta Delgada (Azores), A Coruña, Cascais, Vic e Torres Vedras (Lisboa).

⚙ Configurar cookies
0.23414993286133