Santiago acollerá en novembro a Bienal Estatal de Circo, a primeira vez que se celebrar fóra de Madrid

Santiago de Compostela será a sede, entre o 23 e o 26 de novembro, da Bienal Estatal de Circo, un acontecemento que conta co apoio da Xunta de Galicia e que se celebra por primeira vez fóra de Madrid, reunindo na cidade exhibicións e encontros profesionais.
Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora cunha cita que converterá a Comunidade no epicentro do circo estatal, favorecendo o intercambio, a cooperación e a xeración de oportunidades no sector entre todos os territorios.
Deste xeito, o encontro acollerá artistas, compañías, programadores, distribuidores e representantes institucionais nun espazo no que se abrangue desde a reflexión e o debate ata a posta en escena e comercialización de espectáculos. Nesta liña, o programa inclúe oito funcións e 11 accións profesionais, ademais de diferentes actividades, que se desenvolverán en distintos puntos como a Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro.
Trátase dunha iniciativa que parte da Federación Estatal de Asociacións de Profesionais do Circo de España, CircoRED, que agrupa a máis de 850 persoas deste ámbito e traballa para fortalecer o sector, favorecer a súa profesionalización, impulsar a creación e promover a colaboración.
As inscricións para os profesionais que desexen participar están abertas no portal de CircoRED, así como máis información da programación.