Santiago acollerá en novembro a xornada estatal da Semana Europea da Robótica

O CIFP Politécnico será a sede os días 26 e 27 de novembro do encontro, que incluirá obradoiros para docentes, mesas redondas con especialistas e unha feira de robótica aberta ás familias
robotica-robot
1 Nov 2026

Santiago de Compostela acollerá os días 26 e 27 de novembro a xornada estatal da Semana Europea da Robótica, que terá lugar no CIFP Politécnico baixo o título «Robota: Cultura robótica». O encontro anual está organizado pola Plataforma Tecnolóxica Española de Robótica (HispaRob), que se suma así a esta iniciativa europea, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de ALLKNOW Education.

A European Robotics Week, impulsada por euRobotics, é unha das principais campañas europeas de divulgación da robótica. Cada ano reúne centos de entidades de distintos países que organizan actividades para achegar a robótica e a intelixencia artificial á sociedade e fomentar as vocacións tecnolóxicas. HispaRob exerce como coordinadora nacional desta iniciativa en España.

Galicia será sede por primeira vez desta xornada estatal, que o ano pasado se celebrou en Valencia. A programación compostelá distribuirase en tres bloques dirixidos a públicos diferentes. O 26 de novembro estará centrado na comunidade educativa, con actividades para o profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial. A mañá do día 27 terá un enfoque profesional, con presenza de empresas, centros tecnolóxicos, universidades, docentes de Bacharelato e Formación Profesional e representantes das administracións públicas. Pola tarde, o evento abrirá as portas ás familias e ao público xeral cunha feira divulgativa de robótica.

A inscrición é gratuíta e xa está aberta. As persoas interesadas en asistir, tanto profesionais como público xeral, poden formalizar a súa participación a través da web de HispaRob. O profesorado deberá inscribirse mediante FProfe, a plataforma de formación da Consellería de Educación, para as actividades do xoves ou para as da mañá do venres.

Unha primeira xornada centrada no profesorado

O xoves 26 de novembro estará dedicado especialmente á formación docente. A programación incluirá unha conferencia inaugural da tecnóloga Cristina Aranda e unha mesa redonda sobre robótica accesible, na que participarán a ONCE e Ana Iglesias, recoñecida co Premio Nacional de Discapacidade Reina Letizia en 2023.

Tamén se presentarán experiencias educativas desenvolvidas nos Polos Creativos de centros galegos. O profesorado do CEIP Louro de Muros, do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, do CPI de Atios de Valdoviño e do IES Miraflores de Oleiros compartirá os seus proxectos e experiencias nestes espazos dedicados á tecnoloxía e á robótica.

Ademais das mesas de debate, os asistentes poderán coñecer e probar recursos tecnolóxicos aplicables ás aulas. Entre eles figuran robots sociais capaces de dirixir actividades en Educación Infantil e brazos robóticos similares aos empregados nas fábricas, que o alumnado pode programar.

A mañá do venres 27 estará orientada á industria, á investigación e á Formación Profesional, coa presenza de Francesco Ferro, presidente de euRobotics. O alumnado do CIFP Politécnico amosará proxectos propios, entre os que se atopan un brazo robótico que pinta e outro deseñado para repoñer material nun almacén.

Durante esta sesión tamén se presentará ROBOTA-SUDOE, un proxecto europeo no que participan a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense. A iniciativa investiga como ensinar aos robots a manipular produtos como carne ou froita, tarefas que actualmente se realizan de maneira manual.

Unha feira de robótica aberta ás familias

A tarde do venres, entre as 17.00 e as 19.00 horas, o CIFP Politécnico abrirá as súas portas ás familias e ao público xeral cunha feira gratuíta de experimentación e robótica. A proposta permitirá a persoas de todas as idades interactuar con robots dotados de intelixencia artificial, iniciarse na programación, crear circuítos que se debuxan e iluminan ou probar lentes de realidade virtual.

Con esta programación, a xornada pretende achegar a robótica á cidadanía, mostrar as súas aplicacións en ámbitos como a educación e a industria e espertar o interese polas disciplinas tecnolóxicas entre as novas xeracións.

HispaRob agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. Ademais de coordinar a Semana Europea da Robótica en España, promovida por euRobotics, a entidade forma parte da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.

0.38793301582336