Santiago aproba por unanimidade unha declaración en apoio ás familias con menores con enfermidades graves

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou este marters por unanimidade unha declaración institucional na que reclama unha resposta integral para as familias con fillos e fillas afectados por enfermidades graves no marco da reforma da prestación por coidado de menores con enfermidades graves (CUME). A iniciativa foi presentada a petición de ANEDIA, a Asociación de Nenas, Nenos, Xente Nova e Adulta con Diabetes de Galicia.
O texto contou co respaldo de todos os grupos municipais e defende que a protección destas familias non debe limitarse exclusivamente ao ámbito laboral, senón que require unha abordaxe transversal que inclúa tamén políticas relacionadas coa infancia, a sanidade, a educación, a conciliación e a protección social.
Desde ANEDIA valoraron moi positivamente o acordo alcanzado e agradeceron o apoio unánime das forzas políticas compostelás nun asunto que afecta directamente a numerosas familias galegas. A entidade destacou que a declaración recolle unha das súas principais reivindicacións: que a prestación CUME "nace como un instrumento para garantir o dereito das nenas e dos nenos con enfermidades graves a recibir os coidados que precisan" e que, por tanto, "non pode entenderse unicamente como un dereito laboral das persoas traballadoras".
A asociación lembrou ademais que as dificultades ás que se enfrontan estas familias non se poden separar por competencias administrativas nin por departamentos institucionais. Segundo sinalou, as familias viven unha única realidade e precisan respostas públicas coordinadas que dean cobertura ás súas necesidades de maneira global.
Neste sentido, a declaración institucional aprobada polo Concello de Santiago reclama unha actuación conxunta das distintas administracións implicadas e aposta por un modelo integral de apoio ás persoas coidadoras e aos menores afectados por enfermidades graves.
A iniciativa chega despois das reunións mantidas por ANEDIA con representantes do Goberno central, entre eles o secretario de Estado da Seguridade Social e o secretario de Estado de Xuventude e Infancia, así como con organizacións empresariais, sindicatos e diferentes grupos políticos. Neses encontros, a asociación trasladou a necesidade de que a reforma da prestación incorpore unha visión máis ampla, baseada no interese superior do menor e na coordinación entre administracións.
Para ANEDIA, a unanimidade acadada no Concello de Santiago constitúe unha mensaxe de especial relevancia nun contexto no que os consensos políticos resultan cada vez máis difíciles de conseguir. A entidade considera que o acordo evidencia a importancia de avanzar desde o diálogo e a cooperación institucional para ofrecer solucións reais ás familias que conviven con enfermidades graves na infancia.
A asociación expresou tamén o seu desexo de que a declaración aprobada na capital galega poida servir de exemplo para outras institucións e contribuír a impulsar un modelo de apoio "máis humano, máis coordinado e centrado nas necesidades reais das familias".