Santiago dará a benvida ao Nadal o 1 de decembro cun acendido colectivo de luces na praza do Obradoiro

A celebración do acendido comezará ás 18.30 horas cun pasarrúas musical que partirá de dous puntos diferentes
presentacion-campana-nadal-santiago
18 Nov 2026

O Concello de Santiago presentou este mércores un avance da programación do Nadal, que arrancará oficialmente o próximo martes 1 de decembro cunha celebración na praza do Obradoiro baixo o lema «Compostela prende o Nadal a coro». A proposta busca implicar á veciñanza nunha festa que contará coa participación do Coro da Ra e cunha actuación colectiva.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada polas concelleiras María Rozas e Pilar Lueiro, deu a coñecer as principais actividades previstas para estas datas. A programación terá propostas para todos os públicos, con especial atención ás familias, á infancia e á mocidade.

A celebración do acendido comezará ás 18.30 horas cun pasarrúas musical que partirá de dous puntos diferentes: Casas Reais e o mercado de Nadal da Carreira do Conde. Os dous percorridos estarán acompañados polas voces de Ultreira e confluirán na praza do Obradoiro. Ás 19.00 horas terá lugar o acendido da árbore e da iluminación da fachada do Pazo de Raxoi. Ademais, as persoas asistentes poderán cantar xunto coas 50 voces do Coro da Ra o tema «Nadal de Luintra», para o que se repartirán as letras na propia praza.

Tras o acto, abrirase o xardín de xogos do Obradoiro e ofrecerase chocolate sen glute nin lactosa.

Entre as principais propostas deste Nadal destacan o mercado da Carreira do Conde, que estará aberto do 27 de novembro ao 5 de xaneiro, e a carpa da praza Roxa, que acollerá concertos, baile, maxia, improvisación e obradoiros. Tamén haberá actividades na Alameda, nos centros socioculturais e noutros espazos da cidade. Estes últimos ofrecerán máis de 70 propostas, entre talleres de cociña, decoración e artes escénicas.

A programación recuperará citas tradicionais como a ruada do Apalpador, os obradoiros de circo da Casa das Máquinas, «Estrelas e Desexos», a Carreira de San Silvestre e a Cabalgata de Reis. Ademais, a mocidade contará con concertos, sesións vermú, roteiros musicais e unha celebración propia de Fin de Ano.

O Concello tamén reforzará as actividades no rural, con propostas en diferentes centros socioculturais e o programa «Exploradores do Inverno», pensado para facilitar a conciliación familiar durante as vacacións.

En canto á iluminación, Santiago contará con case 3.000 metros de corredores luminosos, 290 arcos, centos de motivos decorativos e unha árbore transitable de 20 metros de altura na praza do Obradoiro. A decoración estenderase tamén a diferentes rúas, prazas e parroquias do municipio.

Por último, a Festa de Fin de Ano estará amenizada pola orquestra Miramar. O Concello anima a toda a cidadanía a participar nas actividades e a converter Santiago nun punto de encontro durante as celebracións do Nadal.

2.8787498474121