Santiago destaca a mellora da conectividade aérea e a estabilización da demanda turística

Míriam Louzao salienta a aposta pola desestacionalización, o turismo de congresos e a diversificación de rutas para consolidar a recuperación de Compostela
Miriam Santiago
3 Sep 2026

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, fixo un balance positivo da tempada turística de verán e destacou a estabilización da demanda en Compostela, con máis de 150.000 estadías tanto en xuño como en xullo. Aínda á espera dos datos de agosto do INE, Louzao sinalou que a evolución confirma unha tendencia favorable, especialmente polo peso crecente do turismo internacional.

En xullo, o turismo internacional aumentou un 8,34% e encadeou o cuarto mes consecutivo por riba do mercado doméstico. No acumulado do ano representa xa o 56% das estadías, con 416.043, fronte ao 44% correspondente ao turismo español. Este maior peso do visitante internacional, cun gasto medio xeralmente superior, contribuíu tamén ao incremento da tarifa media hoteleira, que en xullo alcanzou os 105,31 euros, un 5% máis que no mesmo mes do ano pasado.

Louzao asegurou que as perspectivas para os últimos meses do ano son positivas e atribuíunas aos tres eixos de traballo do departamento: a desestacionalización, a promoción do turismo MICE e a diversificación da conectividade aérea. Segundo explicou, a promoción de Santiago como destino cultural e de actividades ao longo de todo o ano está permitindo alongar a tempada alta ata practicamente a segunda quincena de outubro.

O turismo de congresos terá un peso destacado nos próximos meses, con varios encontros que reunirán centos de participantes. Entre eles figuran a reunión GEDET, con 800 asistentes, o Congreso Internacional de Medicina Clínica e, xa en outubro, o Congreso de Semergen, con 5.000 participantes previstos, e o Congreso da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, que contará con arredor de 1.200.

No ámbito da conectividade aérea, a concelleira puxo en valor a nova base de Wizz Air, que iniciará as operacións o 17 de decembro con dez rutas, dúas delas internacionais a Roma e Varsovia, e unha oferta próxima ás 900.000 prazas anuais. Tamén destacou a decisión de Vueling de manter o cuarto avión na súa base compostelá durante o inverno.

De cara ao Ano Santo, Louzao asegurou que as perspectivas son igualmente positivas e salientou tres sinais de confianza no destino: United Airlines repetirá a conexión con Nova York, Wizz Air adiantou a apertura da súa base e Vueling anunciou a incorporación dun quinto avión.

A concelleira lembrou que Santiago atravesou «un período moi complexo» tras o peche da base de Ryanair a finais do pasado outubro, que tivo impacto tanto no tráfico aeroportuario como nas estadías. Ante esta situación, Turismo de Santiago apostou por diversificar a conectividade para reducir a dependencia dunha única compañía. «Convertemos unha crise nunha oportunidade», afirmou Louzao, que repasou a incorporación de novas conexións con Ámsterdam, Cork, Frankfurt e outras cidades europeas desde a reapertura do aeroporto o pasado 28 de maio.

Sobre o proxecto de Fly2Galicia, que prevé iniciar operacións o 1 de decembro con oito rutas, cinco delas internacionais, Louzao considerou que «a consolidación dun proxecto que engade conectividade ao Aeroporto Rosalía de Castro é sempre unha boa nova». A concelleira explicou que Turismo de Santiago colaborou achegando contactos de provedores locais e asesorando sobre rutas de interese para Compostela, en coordinación con AENA.

Louzao tamén se referiu ás polémicas xurdidas arredor deste proxecto e afirmou que «non nos fixeron sentir cómodas as dúbidas sobre unha posible relación, aínda que indirecta, da touroperadora coa que nós trataramos con Israel», cuestión que agarda que o Estado aclare. Neste contexto, reiterou «o compromiso deste goberno co pobo palestino e contra o xenocidio que está sufrindo».

Finalmente, anunciou que solicitou a súa comparecencia no Pleno municipal para abordar esta cuestión e poñer fin, segundo dixo, ao «regueiro de mensaxes oportunistas, infamias e mentiras» das últimas semanas. Louzao defendeu o traballo realizado por Turismo de Santiago e cifrou en arredor de 1.000 os correos intercambiados coas compañías aéreas ao longo do último ano, ademais dos contactos directos mantidos en foros especializados e encontros do sector.

0.34896922111511