Santiago distinguirá coa Alba de Compostela a Camilo Nogueira, Susi Gesto, Ricardo Gurriarán e Concha Rozas

“É unha honra para min facer esta comunicación no nome do Consello Asesor de Condecoración”, sinalou a rexedora, que subliñou que, como en anos anteriores, as persoas galardoadas proceden de ámbitos moi diversos e que "cada unha desde a súa traxectora profesional e persoal, contribúen a facer de Compostela un referente, sendo tamén elas mesmas persoas de relevancia nos seus ámbitos e cunha fonda vinculación con esta cidade e con este concello”.
Trátase de Camilo Nogueira Román, de quen a alcaldesa salientou a súa ampla traxectoria política e de servizo público; Concepción Rozas César, “unha das voces máis recoñecidas e estimadas do movemento veciñal da Pontepedriña”; Ricardo Gurriarán Rodríguez, “figura de grande importancia para a recuperación da memoria histórica do pasado recente compostelán”; e Susana Gesto Beiroa, expoñente contemporáneo da ourivería compostelá “que destaca pola súa creación artística e polo labor que leva a cabo como formadora e divulgadora do oficio,”, sinalou a rexedora.
Traxectorias
Camilo Nogueira Román
A de Camilo Nogueira Román (1936) é unha das figuras máis recoñecibles no desenvolvemento do autogoberno galego que acabaría devolvendo a Santiago de Compostela o seu papel de capital de Galicia. Enxeñeiro e economista, nado en Vigo, cursaría estes últimos estudos xa na Universidade de Santiago de Compostela.
Logo de casa unha década na Citroën viguesa como enxeñeiro, onde salienta o seu compromiso democrático co sindicalismo, instalaríase en Santiago de Compostela para traballar en SODIGA, sociedade destinada á promoción e impulso do desenvolvemento industrial e económico de Galicia.
Veciño durante máis de cinco décadas de Santiago de Compostela, na biografía de Nogueira entrecrúzanse os compromisos político e sindical co da defensa e promoción da lingua, cultura e historia de Galicia, sendo un gran coñecedor e divulgador do medievo galego e do papel reitor da cidade de Santiago neste período histórico.
Camilo Nogueira formou parte da comisión redactora do coñecido como Estatuto dos 16, o anteproxecto do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, ademais de ter sido posteriormente deputado no Parlamento de Galicia e no Parlamento Europeo.
Ricardo Gurriarán Rodríguez
Ricardo Gurriarán Rodríguez (1953), é unha autoridade no ámbito da investigación arredor do pasado histórico da Universidade compostelá. Veciño de Santiago de Compostela, foi profesor no IES Arcebispo Xelmírez dende 1977 ata a súa xubilación.
Doutorado en Historia en 2004 pola USC, Gurriarán é unha autoridade no estudo da propia Universidade de Santiago como principal foco de investigación científica na Galicia do século XX, ademais das consecuencias que sobre este centro tivo a ditadura franquista. As súas investigacións inclúen aspectos relacionados con este período, como as depuracións do profesorado e o movemento estudantil e social de 1968.
Gurriarán Rodríguez é unha figura de grande importancia, xa que logo, para o coñecemento dunha das institucións que definen a historia da cidade de Santiago e, tamén, para a recuperación da memoria histórica do pasado recente compostelán.
Tamén destaca o seu papel como biógrafo do seu parente Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés cuxa memoria axudou a recuperar, consagrándose en 2022 cando recibiu a homenaxe no Día das Letras Galegas, así como o seu papel como investigador no proceso de recuperación das estatuas do Mestre Mateo espoliadas.
Concepción Rozas César
Concha Rozas (1936) é un dos rostros máis recoñecidos e estimados do movemento veciñal no barrio da Pontepedriña. Nada en Santiago, chegou a vivir ao barrio tras a expropiación da súa vivenda en San Caetano. Neste barrio popular e desenvolvista converteríase nunha figura recoñecida polo seu impulso ao asociacionismo veciñal, no marco da loita contra a alta sinistralidade na zona.
Durante moitos anos, a de Concha Rozas ten sido unha voz no barrio que recollía as inquedanzas da súa veciñanza e puña rostros ás súas demandas.
Foi fundadora das Avoas de Pontepedriña, unha asociación pioneira no seu tipo en Santiago. Este colectivo desenvolveu ao longo do tempo un importante labor de apoio ás persoas maiores e dinamización do barrio.
Concha Rozas leva ás súas costas moitas décadas de actividade en defensa do barrio, sinalando as necesidades da área observadas e transmitidas por quen vive nela. O seu carácter e iniciativa fixeron dela unha veciña especialmente querida, cuxa vivenda podía ser doadamente identificada pola veciñanza do barrio.
Susana Gesto Beiroa
Susi Gesto (1980) é depositaria, innovadora, transmisora e expoñente contemporáneo do legado artístico da ourivaría compostelá, unha das grandes tradicións da cidade.
Filla do ourive Eloy Gesto, retomou as actividades familiares no seu obradoiro da Algalia de Abaixo, onde dende hai xa máis de tres lustros dá continuidade a un legado artístico familiar relacionado cunha actividade inseparable da historia compostelá.
Gesto basea o seu traballo na ourivería tradicional local, que traballa con materiais coma o acibeche ou a prata, incorporando un espírito contemporáneo e materiais innovadores coma o cobre, que ela define como o seu gran trazo de identidade. No seu obradoiro, as pezas continúan a elaborarse de forma artesanal.
A ourive destaca, ademais de pola súa creación artística, polo labor que leva a cabo como formadora e divulgadora do oficio, colaborando coa transmisión das técnicas artesanais a unha nova xeración.