Santiago homenaxeará a Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño aos 90 anos dos seus asasinatos

O Concello de Santiago renderá homenaxe a Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño con motivo do 90 aniversario dos seus asasinatos, nun acto que se celebrará o vindeiro mércores no Pazo de Raxoi e que estará centrado na estreita relación que mantiveron ambos ao longo das súas traxectorias.
O 19 de agosto de 1936, Ánxel Casal, alcalde republicano de Santiago, era asasinado en Cacheiras. Cinco días antes, o 14 de agosto, correra a mesma sorte Camilo Díaz Baliño, ilustrador e delineante do Concello de Santiago, na estrada entre Palas e Melide.
Os dous compartiron os seus últimos días de vida presos na Falcona, o cárcere que o franquismo instalou nos baixos do Pazo de Raxoi. A súa relación, con todo, viña de moito antes e estendíase aos ámbitos político, persoal e artístico.
Esta conexión, así como a repercusión que tiveron as súas traxectorias no desenvolvemento cultural e político de Galicia durante as primeiras décadas do século XX, será o eixo do relatorio que ofrecerá o deseñador Pepe Barro.
O acto estará presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e servirá para honrar a memoria de Casal e Díaz Baliño, así como a de todas as persoas represaliadas por defender a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos. Como é habitual nesta conmemoración, están convidadas persoas e entidades vinculadas ao ámbito da memoria histórica.
O recoñecemento está institucionalizado polo Concello de Santiago desde 2023 e reafirma o compromiso municipal coa recuperación da memoria histórica e coa posta en valor das persoas que loitaron polos dereitos civís, pola cultura galega e pola construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Ánxel Casal exercía como alcalde de Santiago de Compostela en 1936. A súa actividade política incluíu tamén a vicepresidencia da Deputación da Coruña, a participación no impulso do Estatuto de 1936, a militancia no Partido Galeguista e a integración nas Irmandades da Fala.
A súa traxectoria política estivo acompañada dun intenso labor cultural. Como impresor e editor, participou activamente no impulso da cultura galega e na normalización da lingua.
Tamén a súa muller, María Miramontes, tivo un papel destacado en diferentes proxectos desenvolvidos tanto en Santiago como no conxunto de Galicia. Unha fotografía na que ambos aparecen durante a entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid dá conta da súa participación nese proceso.