Santiago, Lugo, Negreira e Vigo rematan como gañadores dunha nova edición do Parlamento Xove

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, clausurou hoxe o final do certame Parlamento Xove, a iniciativa da Xunta de Galicia que promove o debate e participación xuvenil e de que resultaron gañadores na categoría de Secundaria o Colexio Plurilingüe La Salle, de Santiago de Compostela, mentres que na categoría de Bacharelato foi o Instituto dos Ollos Grandes, de Lugo. Por outra banda, na categoría de Universidade o equipo gañador foi o equipo 6 do campus de Santiago da Universidade de Santiago de Compostela, pertencentes a esta mesma cidade, e na categoría posformativa, liderou o equipo 3, de Negreira e Vigo.
Así mesmo, na xornada de hoxe tamén foron recoñecidos os mellores oradores. Deste xeito, na categoría de Secundaria o premiado foron Álvaro Casado, do Colexio Santiago Apóstol, de Soutomaior (Pontevedra). No que respecta ao nivel de Bacharelato, o premio foi para Carmen Ánguez, do Instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo. Pola súa banda, na categoría de Universidade foi premiado Diego Araújo, pertencente ao equipo 6 do campus de Santiago da Universidade de Santiago de Compostela e nado nesta mesma cidade, e na categoría posformativa, foi galardoado Iván Fernández, do equipo 3 de posformativa, de Vigo.
Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante do Goberno galego gabou a capacidade dialéctica e de reflexión dos máis de 300 participantes e 64 equipos desta cita, “que demostran unha mocidade comprometida que traballa para acadar unha Galicia máis xusta e máis plural”.
Neste senso, o titular de Xuventude do Goberno galego remarcou a incorporación dunha categoría posformativa, novidade nesta edición que permite a participación de mozos e mozas de ata 30 anos “e que busca garantir que o diálogo e a reflexión crítica teña continuidade máis alá das institucións educativas”. Aproveitou ademais para erixir este “programa plenamente consolidado que goza dunha grande acollida por parte de toda a mocidade galega e, ao mesmo tempo, adaptado aos novos tempos”.
Tal e como explicou o conselleiro, no certame celebrado hoxe no Parlamento de Galicia abordáronse temas como o anonimato nas redes sociais e a obrigatoriedade do voto na democracia. Ademais, todos os cruces foron retransmitidos desde a canle de Youtube de Xuventude e os participantes chegaron á cita despois de gozar dunha formación previa organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. López Campos quixo aproveitar a oportunidade para agradecer a implicación do profesorado “que ben seguro está moi orgulloso de todo o que acadastes”.
O certame impulsado pola Xunta de Galicia acumula máis de 3.600 participantes e 752 equipos desde a súa posta en marcha no ano 2010. Trátase dunha competición na que os equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
A través desta iniciativa, o Goberno galego mantén o seu compromiso coa mocidade ofrecendo ferramentas que potencien as súas habilidades e competencias en eidos como a selección de información, a expresión oral e escrita, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia.