Sarria participará na IX Mostra Musical do Eixo Atlántico con tres representacións

A solista Sara Arias, a Minibanda e o grupo Os Petapouco levarán o nome do municipio ao encontro musical que se celebrará en Vilalba os días 23 e 24 de maio
auditorio-vilalba-carme-estevez
23 May 2026

O Concello de Sarria participará na IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, que se desenvolverá na localidade de Vilalba durante a fin de semana do 23 e 24 de maio de 2026. O evento terá como escenarios o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e o Auditorio Municipal Carmen Estévez.

A representación sarriá estará integrada por tres propostas musicais: a solista de trompeta Sara Arias Arias, a Minibanda, composta por 25 integrantes, e o grupo Os Petapouco, formado por seis músicos. As probas previas previstas para o sábado desenvolveranse ás 09:43 horas no caso da solista, ás 12:00 horas para a Minibanda e ás 15:40 horas para Os Petapouco. A comunicación das formacións finalistas está prevista para as 19:45 horas.

O concelleiro de Cultura, César No, destacou a importancia desta participación para o municipio e puxo en valor o esforzo do alumnado e do profesorado implicado. “Para nós é un orgullo ver como o alumnado de Sarria dá este paso e representa ao concello nunha cita desta dimensión. Quero agradecer de maneira especial o traballo e a implicación do profesorado que os acompaña, Manuel Montero e José Luis García, polo esforzo desta participación”, sinalou.

Desde o Concello subliñan tamén o valor educativo e social da Mostra Musical do Eixo Atlántico, que consideran unha oportunidade para que o alumnado poida amosar o seu nivel artístico e, ao mesmo tempo, compartir experiencias con mozas e mozos doutros municipios de Galicia e do norte de Portugal. A convivencia durante a fin de semana permitirá fomentar o intercambio cultural, reforzar a motivación do estudantado e impulsar o sentimento de pertenza a un proxecto común arredor da música.

0.33126282691956