SATSE Galicia critica que a reforma da Atención Primaria deixe fóra a Enfermería e a Fisioterapia

SATSE Galicia presentou alegacións á proposta de reforma organizativa da Atención Primaria da Xunta ao considerar que non aborda de forma integral as necesidades de todas as categorías sanitarias. O sindicato sinala que as medidas se concentran principalmente na Medicina de Familia e Pediatría, mentres que a Enfermería e a Fisioterapia quedan sen medidas específicas.
A organización critica que se establezan límites de 30 citas diarias para Medicina de Familia e 25 para Pediatría, pero non se fixen límites asistenciais nin tempos mínimos por paciente para Enfermería. “Resulta incoherente limitar a carga asistencial médica sen garantir ao mesmo tempo límites asistenciais e reforzos para a Enfermería”, sinala SATSE, que advirte de que a presión pode acabar trasladándose a un colectivo xa sobrecargado.
O sindicato reclama tamén axendas específicas para Enfermería e Fisioterapia, así como unha regulación homoxénea das coberturas de ausencias e das súas retribucións, ao detectar diferenzas entre as distintas áreas sanitarias.
No caso da Fisioterapia, SATSE denuncia a falta de reforzos, axendas propias e participación efectiva na reforma, pese ao papel que estes profesionais poden desempeñar na atención de determinados procesos.
A organización tamén expresa preocupación pola aplicación do modelo XIDE e pide que calquera ampliación das funcións da Enfermería conte con persoal suficiente, protocolos claros e participación voluntaria e negociada.
SATSE considera, en definitiva, que a proposta é unha reorganización parcial que non resolve problemas como a falta de profesionais, as ratios asistenciais ou a cobertura das ausencias. “Os pacientes necesitan unha Atención Primaria forte, dotada de profesionais suficientes en todas as categorías. Se a presión asistencial simplemente se traslada dun colectivo a outro sen reforzar o sistema, os problemas acabarán repercutindo tamén na atención á cidadanía”, conclúe o sindicato.