SATSE Ourense pide medidas ante as altas temperaturas rexistradas nos centros sanitarios da área de Ourense

O Sindicato de Enfermería SATSE en Ourense denunciou ante a Inspección de Traballo a situación que se vive en distintos centros sanitarios da área sanitaria debido ás elevadas temperaturas rexistradas no interior das instalacións e reclama á Xerencia medidas urxentes para solucionar o problema.
Desde o sindicato aseguran que a falta de previsión e de medios está provocando que pacientes e profesionais teñan que soportar temperaturas “insostibles” nalgúns centros, unha situación que, segundo lembran, “se repite ano tras ano” sen que se adopten solucións definitivas.
SATSE advirte de que en determinadas dependencias se acadaron temperaturas próximas aos 30 graos, por riba das recomendacións máximas fixadas para este tipo de instalacións sanitarias. O sindicato considera que a ausencia dunha climatización axeitada “pon en risco a saúde, tanto dos traballadores, como dos propios usuarios dos centros”.
A organización sindical sinala ademais que xa trasladara esta problemática á Xerencia en varias ocasións a través dos delegados de prevención, aínda que lamenta que “estas solicitudes reiteradas non foron atendidas, por unha falta de previsión e de resolución dos problemas detectados que se repiten desde hai anos de forma sistemática”.
Entre os espazos afectados mencionan o Hospital Cristal e algúns centros de saúde, como o de Xinzo, onde aseguran que durante a tarde do martes se superaron os 29 graos. Tamén apuntan ás áreas de Fisioterapia como algunhas das máis prexudicadas debido ás características da actividade que se desenvolve nelas.
Ante esta situación, SATSE esixe á Xerencia da área sanitaria un “plan de acción inmediato” que inclúa medidas concretas para garantir a seguridade laboral e a saúde dos profesionais e pacientes. Así mesmo, reclama unha inversión en sistemas de climatización que permita evitar que este tipo de episodios se repitan cada verán.