Satse sae á rúa en demanda de máis fisioterapeutas e mellores condicións laborais

O Sindicato de Enfermaría, SATSE, levou a cabo hoxe varias concentracións nas catro provincias para reclamar unha mellora das condicións laborais destes profesionais. Melloras que pasan por un incremento do número de fisioterapeutas tanto en Atención Primaria como en Atención Hospitalaria.
SATSE advertiu que o importante déficit de fisioterapeutas que sofre a sanidade pública provoca esperas de semanas e meses, posibles empeoramentos dos problemas de saúde e elevados custos económicos.
As concentracións leváronse a cabo na zona de rehabilitación do Hospital Lucus Augusti de Lugo, no Hospital de Piñor en Ourense, no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e no Hospital Montecelo de Pontevedra.
Durante as concentracións, esixiuse, ademais dun aumento dos cadros de persoal en Atención Primaria, adaptados ás necesidades reais da carteira de servizos, o incremento dos cadros de persoal en Atención Especializada. No mesmo sentido reclamouse unha mellora das retribucións.
Por outra banda, SATSE tamén incidiu durante as concentracións na implantación dunha axenda finalista que garanta unha atención de calidade, así como a prolongación da xornada en Atención Primaria e da actividade complementaria no ámbito hospitalario, así como os recursos humanos suficientes para implementar de forma efectiva a carteira de servizos aprobada no ámbito do Consello Asesor Técnico de AP.
Situación lamentable
Todas estas cuestións lastran a estes profesionais no seu día a día. “Algúns centros teñen que compartir espazos, o que limita o número de consultas que poden ter”, sinalan. Noutros, “os fisios que traballan na quenda de tarde non teñen recoñecida a quendicidade”, advirten. Tamén se dan casos nalgunhas provincias nos que faltan profesionais para levar a cabo programas que están en atención primaria. “Por exemplo, o de chan pélvico”.
Algúns profesionais tamén se queixan de ter que traballar con aparellaxe obsoleta. Ademais, en canto ás listas de espera, sinalan que nalgunhas provincias “as de prioridade un están en dous ou tres meses e os pacientes neurolóxicos teñen listas de espera superiores aos seis meses”.
Esta realidade leva consigo o empeoramento do estado de saúde. Tamén hai que ter en conta que, canto máis se tarda en atender unha persoa, máis crónico pode chegar a ser o seu problema e máis tratamentos e coidados serán necesarios para facilitar a súa reinserción social plena.
O Sindicato reclama, por iso, á Consellería de Sanidade que aumente os cadros de persoal de fisioterapeutas nos hospitais e, especialmente, nos centros de saúde, xa que en moitos deles non hai fisioterapeutas ou só hai un para atender a miles de persoas.
Outra consecuencia é que as persoas non ven outra opción que recorrer á sanidade privada, aínda que para iso teñan que afrontar un elevado gasto económico ao oscilar entre os 400 e os 600 euros un tratamento de 10 sesións. Cifras que adoitan ser maiores porque, en moitas ocasións, requírense máis sesións das que se dan inicialmente.
Os fisioterapeutas son profesionais sanitarios cada vez máis necesarios por factores como o progresivo incremento do número de persoas de idade avanzada, os problemas osteomusculares e neurolóxicos ou as lesións provocadas pola actividade física ou o ritmo actual de vida, entre outros.
A súa intervención temperá, ademais, reduce os tempos de baixa laboral e a automedicación. Aspectos ambos que comportan unha redución de gastos económicos, tanto para as administracións públicas como para as empresas privadas, conclúen desde a organización sindical.