Saúl Bello logra a prata no Campionato do Mundo Universitario de Loita Praia

Saúl Bello, deportista vigués nado en 2003 e estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no Campus de Pontevedra, logrou a medalla de prata no Campionato do Mundo Universitario de Loita Praia, celebrado do 16 ao 20 de setembro en Figueira da Foz, Portugal.
O loitador do Club San Ignacio de Vigo, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, competiu na categoría de menos de 80 quilos e completou unha destacada actuación, con tres vitorias nos catro combates disputados. Este resultado permitiulle proclamarse subcampión mundial e converterse no mellor deportista masculino da selección española de Loita Praia.
Saúl Bello iniciou a competición cunha vitoria ante o representante de Croacia, Hader Josip. Na segunda rolda tamén superou o seu rival, neste caso un loitador local. Na terceira quenda perdeu aos puntos fronte ao moldavo Oloj Gabriel, que posteriormente acabaría proclamándose vencedor da categoría. No último combate, o deportista galego impúxose con claridade ao brasileiro Guerra Dos Santos Jeanderson para asegurar a medalla de prata.
O resultado supón un importante impulso para Bello neste inicio de tempada, no que xa ten a vista posta no Campionato de España absoluto do próximo ano. Antes desa cita, o loitador afrontará varias competicións de ámbito nacional que lle servirán como preparación.