Segredos de Pantón: dez anos escoitando, investigando e descubrindo a memoria do Concello

O presidente, Lucas Vázquez, e o secretario, Manuel González, repasan o percorrido da asociación cultural, nada como proxecto persoal en 2016 e constituída en 2019, e avanzan as súas prioridades: a memoria das mulleres rurais, a memoria oral e o patrimonio natural
Asoc. Cult. Segredos de Pantón
1 Nov 2026

Cando se cumpre unha década desde que naceu como iniciativa persoal, a Asociación Cultural Segredos de Pantón fai balance dun traballo que combina entrevistas coas persoas maiores, busca en arquivos históricos e percorridos polas aldeas. Nesta conversa, o seu presidente, Lucas Vázquez, e o seu secretario, Manuel González, falan da recuperación do Entroido de Budián, dos retos do patrimonio - como a cova-templo do Cotillón - e dos proxectos de futuro, entre eles dar visibilidade á historia das mulleres do rural.

Como naceu Segredos de Pantón e que vos levou a crear a asociación?

Segredos de Pantón xurdiu a finais de 2016 como un proxecto persoal. Co tempo, naceu a idea de compartir aquel traballo e abrilo á participación doutras persoas, para que deixase de ser unha iniciativa individual e se convertese nun espazo colectivo. Así, en 2019, constituímos a asociación.

Facendo balance destes dez anos, cales son os proxectos ou actividades dos que vos sentides máis orgullosos?

A verdade é que resulta difícil escoller unha única experiencia como a mellor, pero pensamos que podemos destacar algúns dos momentos máis especiais que vivimos ao longo deste percorrido:

Un dos aspectos máis satisfactorios foi contribuír a impulsar a recuperación do Entroido de Budián e comprobar como, co paso do tempo, a Asociación do Entroido de Budián desenvolveu un traballo fundamental para manter viva esta tradición. Abonda con achegarse a Acedre o domingo de Entroido, observar o ambiente que se xera e compartir a emoción da xente para comprender que todo ese esforzo merece a pena.

A retirada, tras repetidas peticións de Segredos de Pantón, do nome dun militar vinculado ao golpe de Estado de 1936, coa recuperación da denominación tradicional da rúa Calzada, situada nas inmediacións da casa do Concello.

Recuperar e compartir a memoria de Pantón. Poder investigar e dar a coñecer as historias, tradicións e lendas do noso Concello é un privilexio. Con cada historia recuperada e cada tradición divulgada, contribuímos a manter vivo o noso patrimonio e a evitar que caia no esquecemento.

O Xoves Ambiental. Unha iniciativa que sitúa a biodiversidade no centro, promovendo o seu coñecemento e conservación.

Falades de compartir tempo, historias, tradicións e "loita polo noso Concello". Que loitas son esas hoxe en día?

Pois pensamos que as loitas que temos hoxe en día son, principalmente, as de recuperar a nosa historia, conservar o noso patrimonio cultural e evitar que a memoria colectiva do noso Concello caia no esquecemento. Tamén está a loita pola conservación da biodiversidade, que é precisamente o que buscamos coa iniciativa dos Xoves Ambientais: coñecer o noso patrimonio natural para aprender a valoralo e, sobre todo, protexelo.

Outra loita fundamental é a de recuperar e visibilizar a historia das mulleres, especialmente a de todas aquelas que viviron durante a represión franquista e cuxas experiencias quedaron moitas veces relegadas a un segundo plano pola hexemonía patriarcal. Porque recuperar a memoria colectiva tamén significa preguntarnos quen contou a historia ata agora e que voces quedaron fóra dela.

E, por suposto, está a loita pola conservación do noso patrimonio, como a capela anexa á igrexa de San Vicente de Deade, cun pórtico flanqueado por dúas aguias e dúas tumbas con escudos que merecen, nun futuro próximo, ser investigados e restaurados.

En definitiva, trátase de defender o que somos, recuperar o que fomos e garantir que o noso patrimonio natural, cultural e humano non caia no esquecemento.

Como é o voso método de traballo?

O noso método de traballo baséase fundamentalmente en tres cousas: escoitar, investigar e descubrir. Por unha banda, realizamos entrevistas directamente con persoas das distintas parroquias de Pantón, a fonte de coñecemento fundamental. Por outra banda, buscamos información en documentos antigos, prensa histórica e arquivos dixitais como Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia. Ademais, percorremos diferentes lugares do Concello á procura de historias que ás veces permanecen agochadas, como pode ser o caso do Muíño do Conde. Despois, contrastamos e reunimos a información que atopamos coa que nos transmite a xente para compartila a través das nosas redes.

Que papel teñen as persoas maiores do Concello nese labor de recuperación da memoria?

As persoas maiores son, sen dúbida, o eixe principal do noso labor de recuperación da memoria colectiva. Moitas veces carecemos de medios ou de documentación escrita, polo que os seus testemuños se converten nunha fonte de información imprescindible para salvagardar o noso patrimonio cultural. A través das súas vivencias, dos seus recordos e dos coñecementos que transmitiron de xeración en xeración, reconstruímos historias, recuperamos lendas e descubrimos tradicións que, doutro xeito, poderían desaparecer. Para nós, escoitalas non é só recoller información, senón tamén pór en valor as súas vidas e conseguir que estas historias poidan perdurar no futuro.

En 1943 saíu unha comparsa de xigantes e cabezudos polos Peares e en 1978 outra polo Castro de Ferreira, e na festa do Regueiro, en Pombeiro, facíase o baile das cintas. Que outras tradicións xa perdidas vos gustaría recuperar? Mantense hoxe algo delas?

Aquel antigo espírito do comunal e da sociabilidade dos seráns, onde se reunían ao carón do lume para contar historias e manter a fianza veciñal, perdeuse co paso a unha sociedade máis individualista. Porén, hoxe tentamos rescatar algo desa unión facendo que, cada Nadal, as veciñas e os veciños se acheguen a colaborar conxuntamente adornando a súa aldea con material feito na casa. A isto súmase, tal como comentabamos antes, o esforzo por preservar o noso Entroido de Budián para manter viva esa identidade.

En Pantón chegou a haber cinco teleclubs (O Barrio, Mañente, Serode, Tribás e Vilamelle) e no Torrón naceu Francisco Méndez Jaspe, ministro de Facenda e Economía. Que importancia teñen estas historias para a identidade do Concello?

Os teleclubs constituían un punto de encontro social, onde se falaba, se informaba e se facía comunidade. Que un ministro de Facenda e Economía, membro da Esquerda Republicana durante o segundo goberno de Juan Negrín, saia do noso Concello, pon de manifesto que dende as aldeas tamén se influíu na historia do país. Recuperar e poñer en valor estas historias é fundamental para a nosa identidade, porque nos lembra que temos un pasado rico, con peso e con orgullo, demostrando que o rural galego sempre foi un espazo de talento e de vida.

Con todo, a identidade dun pobo tamén se compón de historias invisibles e de soños rotos. Como nos contaba unha veciña de Pombeiro, o seu tío Claudio Rodríguez Álvarez, un home cun gran afán pola lectura e as letras, non chegou a cursar estudos superiores porque o seu pai non quixo pagarllos, co único fin de telo na casa para dedicarse ao campo.

Que nos podedes contar da cova-templo do Cotillón? Está suficientemente valorada e protexida?

Sobre se a cova-templo do Cotillón está suficientemente valorada e protexida, a realidade é que aínda queda moito camiño por andar. Pezas tan singulares e cargadas de historia como esta forman parte do noso patrimonio máis agochado, pero moitas veces carecen da visibilidade, do estudo institucional e da protección que precisan. A cova-templo é un xacemento arqueolóxico excepcional e único na nosa contorna que podería datar dos séculos VI ou VII.

Que lle falta a Pantón para que o seu patrimonio e a súa historia sexan máis coñecidos fóra do Concello, e que papel pode xogar Segredos de Pantón niso?

Dende o noso colectivo, non buscamos tanto que a historia e as tradicións de Pantón sexan coñecidas fóra do Concello como espertar a curiosidade das propias veciñas e veciños, fomentar o orgullo polas súas raíces e animar a descubrir todo o que a súa terra ten que contar.

Hai pouco compartimos nas nosas redes sociais unhas formacións rochosas nas que podería haber petroglifos, situadas nun lugar cun nome tan evocador como o dos Penedos da Forca. Porén, o que máis nos alegrou non foi o número de interaccións que acadou a publicación, senón o que aconteceu despois. Unha veciña da zona, que descoñecía a existencia destes penedos e o seu nome, púxose en contacto connosco para preguntarnos onde estaban. Tras falar con nós, volveu chamarnos para contarnos que consultara co seu pai e cunha veciña, que lle confirmaran o topónimo. A súa alegría por descubrir un pouco máis sobre a súa propia terra foi, para nós, moito máis valiosa ca calquera cifra nas redes sociais.

Ás veces semella que todo proxecto debe aspirar a medrar, chegar cada vez máis lonxe ou acadar grandes obxectivos. Porén, dende a nosa asociación entendemos que o valor do noso traballo tamén reside nas pequenas cousas: que as persoas da nosa contorna se interesen pola súa historia, que unha tradición continúe viva ou que alguén descubra algo que sempre estivo aí, pero que nunca se detivera a coñecer.

Que proxectos tedes para os próximos anos?

De cara aos próximos anos, dende Segredos de Pantón queremos seguir recuperando, documentando e divulgando a historia do noso Concello, entendendo o patrimonio dende unha perspectiva ampla, que abranga tanto a súa dimensión cultural e histórica como a natural e social. Queremos continuar poñendo en valor o noso patrimonio histórico, arqueolóxico e arquitectónico, dando a coñecer elementos tan singulares como o templo rupestre do Cotillón, pero tamén ampliar o noso traballo cara a ámbitos fundamentais para comprender quen somos e de onde vimos.

Unha das nosas prioridades será recuperar a memoria das mulleres do rural, recoñecendo o seu papel na economía familiar, nos coidados, no mantemento das tradicións e na transmisión dos coñecementos entre xeracións. Queremos tamén afondar na recuperación da memoria oral, recollendo os testemuños das persoas maiores, os antigos oficios, as historias das aldeas e aquelas vivencias cotiás que, malia seren fundamentais para comprender o noso pasado, corren o risco de desaparecer con elas.

Outro dos eixes será o coñecemento e a conservación do patrimonio natural de Pantón. As fontes, os regatos, os humidais, os bosques e outros elementos da nosa paisaxe forman parte da identidade do territorio e merecen ser coñecidos e protexidos. Neste ámbito, gustaríanos contribuír á identificación e divulgación destes espazos, así como á recuperación dos topónimos tradicionais, que agochan unha valiosa información sobre a historia, a lingua e a relación das nosas xentes coa terra.

Tamén queremos fomentar a participación da veciñanza, creando espazos nos que compartir fotografías antigas, documentos, relatos e coñecementos locais. Porque a historia dun Concello non se constrúe unicamente a partir dos grandes acontecementos ou dos monumentos máis coñecidos, senón tamén das pequenas historias das persoas que o habitaron e o habitan.

O noso obxectivo é que este patrimonio non quede reducido a un recordo do pasado, senón que siga vivo no presente e poida transmitirse ás futuras xeracións. Queremos que as persoas de Pantón coñezan e valoren a súa terra, se sintan parte da súa historia e comprendan que conservar a nosa memoria, a nosa cultura e a nosa biodiversidade é tamén unha maneira de coidar o futuro do noso Concello.

0.41525101661682