Sesenta estudantes da provincia poderán aprender inglés este verán en Irlanda

A Deputación da Coruña publicou a concesión provisional das bolsas, que cobren o 100% dunha estadía de catro semanas en Tipperary
DIPU CORU bolsas irlanda
27 May 2026

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia a resolución provisional das 60 bolsas para estudar inglés en Irlanda este verán, unha nova iniciativa dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato de centros públicos da provincia.

O programa permitirá que 60 mozas e mozos participen nunha estadía de inmersión lingüística de catro semanas na localidade de Tipperary, no sur da República de Irlanda. A viaxe desenvolverase entre o 1 e o 29 de xullo de 2026 e estará totalmente financiada pola institución provincial.

Cada bolsa ten un importe de 4.816,61 euros por persoa beneficiaria e cobre todos os gastos da experiencia: viaxes de ida e volta, traslados en Irlanda, aloxamento en residencia de estudantes con pensión completa, clases de inglés, actividades culturais e deportivas, excursións, seguro e acompañamento de monitores.

A Deputación destaca que a iniciativa está especialmente pensada para facilitar o acceso da mocidade dos concellos máis pequenos a unha experiencia internacional que, ata agora, podía resultar máis difícil de asumir para moitas familias. A selección tivo en conta tanto o expediente académico como a situación económica familiar.

A estadía desenvolverase en SEDA College Tipperary, situado no campus de Rockwell College. O alumnado recibirá 20 horas semanais de inglés en grupos adaptados ao seu nivel, cunha metodoloxía centrada na comunicación oral e no uso práctico do idioma.

A formación completarase cun programa de actividades culturais, deportivas e de convivencia. Entre as propostas previstas figuran danza irlandesa, cociña irlandesa, actividades acuáticas, deportes de equipo e eventos co resto do alumnado internacional.

Durante o mes de xullo, as persoas participantes tamén realizarán excursións de día completo a lugares como Cork, Kilkenny, Cashel Town e Waterford, ademais doutras saídas orientadas a coñecer a cultura e a vida irlandesa.

As persoas solicitantes dispoñen agora dun prazo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación no BOP, para presentar alegacións ou renunciar expresamente á bolsa. Se non se formula ningunha alegación ou desistencia, a axuda considerarase aceptada de maneira tácita, aínda que a concesión definitiva deberá ser notificada posteriormente pola Deputación.

0.3849139213562