Sherezade Núñez toma posesión como alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras

A nova rexedora asume a alcaldía cun chamamento á unidade, á defensa do territorio e ao compromiso coa veciñanza de todas as parroquias como piares da súa acción política
toma-posesion-alcaldesa-sherezade-nunez
19 Jun 2026

Sherezade Núñez Rodríguez vén de tomar posesión este venres como nova alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras nun pleno extraordinario celebrado na casa do concello, asumindo a responsabilidade de encabezar o goberno municipal nunha nova etapa marcada pola continuidade do proxecto socialista e polo compromiso co desenvolvemento do municipio.

Durante a súa primeira intervención como rexedora, Núñez sitúa a defensa da identidade local, a cohesión territorial e o orgullo de pertenza como algúns dos piares da súa acción política. “Esta é unha terra de labregos, de emigrantes e retornados, é un territorio cunha identidade marcada polo amor á terra, polo compromiso con ela e tamén co seu progreso”, sinalou.

A alcaldesa reivindicou o legado das xeracións anteriores e a necesidade de preservar a historia, as tradicións e a esencia de Vilamartín de Valdeorras como base para construír o futuro. “O territorio que habitamos non é máis có resultado dos esforzos dos nosos antergos, por iso nós temos como primeira obrigación preservar a súa identidade, a súa historia, as súas costumes e tradicións”, afirmou.

No seu discurso, Núñez puxo en valor a riqueza e diversidade de todas as parroquias do concello, lembrando que “somos de Vilamartín, si, pero tamén de Valdegodos, de Córgomo, do Mazo, de Baxeles, San Miguel, Cernego, Portela, Arcos, Arnado, Penouta, Valencia, Correxais ou San Vicente”. Neste sentido, sublioua que cada recuncho do municipio “ten o mesmo valor” e destacou a importancia de gobernar desde a proximidade e para o conxunto da veciñanza.

A nova alcaldesa defendeu tamén a necesidade de garantir que o progreso do municipio avance da man da conservación da súa identidade colectiva. “Temos a obriga de traballar para que cando as persoas pasen, esta administración sexa eterna, e que siga o rumbo dun futuro que non esquece o seu pasado e que preserva a súa historia”, asegurou.

Ao mesmo tempo, realizou un chamamento á unidade e á participación da cidadanía arredor do proxecto común que representa o concello. “Que todo o mundo se sinta benvido a esta casa, que é a salvagarda da identidade de todos e que ten como obrigación representalos e unilos a todos”, destacou.

Núñez concluíu a súa intervención reivindicando o valor do rural e o orgullo de pertenza a Vilamartín de Valdeorras, apostando polo traballo diario como ferramenta para seguir avanzando. “Aquí o que nos queda é traballar para que todo aquel que habitou esta terra, aínda que non estea xa neste mundo ou se atope polo mundo adiante, se sinta orgulloso de ser de Vilamartín”, afirmou antes de rematar cunha mensaxe clara: “Agora a traballar”.

A nova rexedora asume a alcaldía trala renuncia de Enrique Álvarez Barreiro, pechando unha etapa de máis dunha década de gobernos socialistas no municipio e abrindo un novo período de continuidade, renovación e compromiso coa veciñanza.

Continuidade dun proxecto político sólido e cunha visión de futuro

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense valoran moi positivamente a toma de posesión de Sherezade Núñez como nova alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, destacando que “abre unha nova etapa para o municipio desde o compromiso, a proximidade e o profundo coñecemento do territorio”. As e os socialistas subliñan que a nova rexedora representa “unha forma de entender a política municipal baseada na defensa da identidade local, na cohesión social e no traballo constante para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

O PSOE de Ourense salienta ademais o perfil de Sherezade Núñez como unha persoa “comprometida co seu concello, coa súa xente e co futuro do rural”, poñendo en valor a súa capacidade para “combinar a preservación da historia, das tradicións e da identidade de Vilamartín cunha visión de futuro orientada ao progreso e ao desenvolvemento sostible do municipio”. As e os socialistas amosan a súa confianza en que esta nova etapa permitirá “seguir fortalecendo un proxecto de goberno sólido e próximo á cidadanía, que traballa desde a unidade e a escoita activa para responder ás necesidades de todas as parroquias e de toda a veciñanza”.

0.32160592079163