Silvia Longueira afea os orzamentos do PP do vindeiro ano

Silvia Longueira rexeitou hoxe en comisión parlamentaria o modelo cultural no que o Goberno galego insiste a través dos Orzamentos autonómicos para o vindeiro ano. Durante a comparecencia do conselleiro para dar conta do presuposto do seu departamento, a deputada do PSdeG cargou contra un PP “que traballa para o espectáculo e non para a cultura”.
Longueira baseou esa afirmación no feito de que o Xacobeo concentra a maior subida nas contas públicas galegas “mentres 35.000 traballadores e traballadoras do sector cultural seguen precarizados e estacionalizados”. Iso, ademais, nun contexto de baixa execución orzamentaria por parte da Consellería, cun 35 % na primeira metade do ano.
Así, co Xacobeo convertido nun “escaparate” que tapa as necesidades do resto do ano, con 18 millóns para o Agadic e partidas para a Axencia Galega de Turismo, a planificación do Goberno galego “está moi lonxe de apoiar ao tecido cultural”, sinalou a parlamentaria socialista, que lamentou que as contías destinadas a entidades que traballan na cultura e pola cultura non medran nunca.
Silvia Longueira referiuse tamén á “falta de voz” do sistema editorial galego, que segue sufrindo os “cambios drásticos” que supuxo o coñecido como decreto do plurilingüísmo. “Non foron escoitadas nin na Consellería de Cultura nin na de Educación”, advertiu sobre os efectos que vai ter a actualización do plan de normalización.
Puxo o foco tamén na cultura inclusiva, pendente de converterse nun “dereito efectivo” malia que a lei data de 2024, en problemas coma o que se está a vivir co CGAC, agravado agora cun comisariado que vai consumir 85.000 euros, ou na total ausencia de apoio da Xunta a iniciativas culturais que se desenvolven polo territorio.
“Traballen cons concellos, que son os que lles están a prestar máis atención á xuventude é á cultura”, recomendou Longueira. “Para o Partido Socialista non é o mesmo cultura que espectáculo”, insistiu no peche da súa intervención.