Silvia Penas Estévez gaña o XXVI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño de Sarria

O xurado concede por unanimidade o galardón á obra 'Códice de meninxes', que destaca pola súa forza expresiva, a madurez da escrita e a profundidade emocional e reflexiva
Silvia-Penas
6 Nov 2026

A escritora Silvia Penas Estévez é a gañadora do XXVI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado pola Asociación Cultural Ergueitas de Sarria. O xurado acordou por unanimidade conceder o galardón ao poemario presentado baixo o lema 'Códice de meninxes', cuxa autoría se coñeceu tras a apertura da plica.

O xurado desta edición estivo composto por Gisele Mato, Samuel Merino e Helena Salgueiro, coa presidenta da A.C. Ergueitas, María Casar Díaz, como secretaria, e o concelleiro da Área de Cultura de Sarria, César No Cortiñas, como presidente.

Na súa valoración, os membros do xurado salientan a contundencia global da proposta e a capacidade da voz poética para explorar os límites da palabra. A obra aborda a dor do pasado, o trauma e a figura materna, nunha reflexión sobre a protección da infancia e a posibilidade de evitar a repetición de experiencias dolorosas.

Tamén destacan a forza expresiva das imaxes e das eleccións lingüísticas, así como a estrutura, o ritmo e a melodía interna do poemario. O xurado considera que se trata dunha escrita madura, capaz de apelar á emoción sen renunciar á profundidade reflexiva, cunha poesía intimista na que a linguaxe da maternidade se presenta desde a complicidade e a tenrura.

0.50851392745972