Sindicatos reclaman máis prazas públicas de residencias e medidas para unha vellez digna no Día das Persoas Maiores

A Federación de Pensionistas de CCOO e a Agrupación de Pensionistas e Xubilados de UGT acudiron hoxe ao Parlamento de Galicia para trasladarlles aos grupos do Pazo do Hórreo as principais reivindicacións do colectivo no marco do Día Internacional das Persoas Maiores, que se conmemora este xoves. As organizacións sindicais mantiveron reunións co PSdeG e co BNG, aos que fixeron entrega do manifesto conxunto elaborado con motivo desta xornada, mentres que o PP non respondeu á petición de encontro formulada polos sindicatos.
Á saída das reunións, o secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO salientou a necesidade de garantir ás persoas maiores unha vida digna tamén despois da etapa laboral. Entre as principais demandas, Ramiro Otero puxo o foco na atención residencial e reclamou á Xunta de Galicia que as novas prazas que se anuncian sexan públicas e con atención directa por parte do persoal dos servizos públicos.
«Non pode haber residencias privadas porque ese custo é imposible de aguantar por parte das familias», afirmou Otero, quen lle reclamou á Xunta que concrete que as residencias que prevé crear terán carácter público, atención directa e máis postos de traballo para atender as persoas maiores.
O voceiro de CCOO referiuse tamén ao problema da vivenda e á situación de soidade que viven moitas persoas maiores. Neste sentido, advertiu de que existen persoas que permanecen illadas nas súas casas porque non dispoñen de axudas suficientes para adaptar as súas vivendas, instalar ascensores ou garantir a súa autonomía e mobilidade.
«Ás veces, a Xunta de Galicia non está dando ese camiño de atender ás persoas maiores», sinalou, ao tempo que vinculou esta situación coa necesidade de reforzar as políticas públicas de vivenda, dependencia e coidados.
As organizacións sindicais lamentaron especialmente que o PP non atendese a petición de reunión formulada con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores. CCOO e UGT solicitaran encontros con todos os grupos parlamentarios para trasladarlles directamente o manifesto e as demandas do colectivo, pero finalmente só confirmaron a súa disposición a reunirse o PSdeG e o BNG.
«Hoxe tivemos unha xuntanza para entregar un manifesto no Parlamento. Recibiunos o Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista Galego, pero o PP non tivo nin a delicadeza de dicirnos cal era o motivo polo que non nos recibía», afirmou Otero.
O secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO considerou que esta ausencia debe «facer reflexionar» sobre a atención que reciben as persoas maiores das institucións galegas e reclamou que as súas necesidades ocupen un lugar permanente na axenda política, máis alá dos períodos electorais.
Unha vellez digna, con servizos públicos e dereitos
Ao remate das xuntanzas desprazáronse á praza das Praterías, onde arrancou unha manifestación cara á praza do Toural baixo o lema «Por unha vellez digna, por uns servizos públicos fortes, pola igualdade, a paz e unha sociedade máis xusta». Ao comezo da marcha, o secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO, Ramiro Otero, fixo tamén un chamamento a participar nas mobilizacións en defensa do dereito á vivenda e trasladou unha mensaxe de apoio á mocidade que non pode acceder a un teito.
O responsable de CCOO vinculou así a problemática da vivenda coas dificultades que afectan tanto ás persoas maiores como ás xeracións máis novas, e reclamou respostas públicas que garantan o acceso a unha vivenda digna.