Sinsalaudio e MUTA celebran en Vigo o 30 de decembro ‘MUTASons’, unha xornada sonora coa escena experimental local

A promotora musical Sinsalaudio e o espazo mutante para eventos MUTA unen forzas para despedir o ano cunha xornada sonora que reunirá a artistas locais vencelladas á música experimental, electrónica e á cultura club. A iniciativa, bautizada como MUTASons, celebrarase o martes 30 de decembro entre as 17.00 e as 22.00 horas no recinto da rúa Joaquín Loriga, en Vigo.
MUTASons nace como un encontro para dar visibilidade á creación contemporánea vinculada á experimentación sonora, cun programa que combina DJ sets, directos e propostas híbridas ao longo de cinco horas ininterrompidas. O evento conta tamén coa implicación do creador Fon Román e propón unha radiografía da diversidade musical que se move na escena viguesa e galega, entre a electrónica, a investigación sonora e os formatos máis abertos.
No cartel figuran DJs como Phonotoner, Wabii & Yung Denzo, AKAZIE, Arkestra Djs —formado por BFlecha e Mwëslee— e Viktor Flores. Ademais, haberá actuacións en directo a cargo de Marco Maril e Fon_os.
A xornada incluirá tamén a presentación de novos proxectos, como Mydriasis, unha investigación multisensorial desenvolvida por Mateo Mena e Anna Matveinen, así como LivePixel, a proposta innovadora na que conflúen Marta Verde e Juanma LoDo, que incluso intercambian os seus nomes artísticos sobre o escenario.
Durante o evento, Sinsalaudio gravará tamén un podcast con entrevistas ás participantes para facer balance do que foi o ano 2025 para a escena experimental viguesa. As entradas xa están á venda a través da plataforma Woutick desde 10 euros máis gastos de xestión e inclúen unha consumición. A capacidade do espazo é limitada.