Siro López reivindica en Lugo a ilusión polo debuxo cunha demostración aberta ao público

O debuxante Siro López, coñecido artisticamente como Siro, visitou o Pazo de San Marcos de Lugo, onde ofreceu unha demostración aberta ao público na que compartiu a súa paixón polo debuxo e a caricatura. O artista ferrolán, homenaxeado este ano polo Día da Ilustración, realizou durante a actividade dúas caricaturas de Ramón Otero Pedrayo e improvisou ademais unha viñeta humorística inspirada en dúas persoas asistentes ao encontro.
Durante a demostración, Siro destacou que mantén “a ilusión intacta” polo debuxo a pesar de contar con “83 anos e máis de 7.000 debuxos publicados”. Mentres elaboraba as caricaturas de Otero Pedrayo, lembrou ademais que foi a primeira persoa en facerlle unha caricatura ao intelectual galego.
A actividade integrouse dentro do programa ilustrarNós, impulsado pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para promover a creación artística e achegar a ilustración á mocidade. A iniciativa inclúe obradoiros, charlas en centros educativos e un certame escolar de ilustración.
A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu “a xenerosidade de Siro López”, destacando que o debuxante non só compartiu o seu talento gráfico, senón tamén “un especial agarimo pola cidade de Lugo”. Durante a súa intervención, o artista relatou anécdotas sobre figuras da cultura lucense coas que coincidiu ao longo da súa traxectoria, como Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega ou Tino Grandío.
O propio Siro López impartiu tamén dous obradoiros durante a mañá no IES Lucus Augusti e no IES Nosa Sra dos Ollos Grandes, nos que destacou a participación e o interese amosado polo alumnado.
A programación destinada aos centros educativos completarase nas próximas semanas con novos obradoiros impartidos pola ilustradora e deseñadora lucense Sandra Lodi, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2024. As actividades chegarán ao CPI de Castroverde, ao CEIP Rosalía de Castro, ao CEIP Albeiros, ao CEIP Virxe da Luz, ao CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, ao CPI Dr. López Suárez, ao CEIP Terra Chá e ao CEIP Concepción López.
No marco do programa ilustrarNós, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo convocou tamén a cuarta edición do certame escolar de ilustración ilustrarNÓS, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio. O concurso propón nesta edición representar graficamente o humor, temática elixida para este ano. As bases xa foron remitidas aos centros educativos e poden consultarse na web da área de Cultura da Deputación de Lugo. O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o 19 de maio, incluído.