A Asociación Magos Solidarios impulsa unha gala solidaria a favor das vítimas dos incendios de 2025

A iniciativa conta coa colaboración dos concellos de Sober e Maceda e terá lugar o 19 de xullo
gala-maxia-incendios-sober
30 Jun 2026

A Asociación Magos Solidarios, coa colaboración dos concellos de Sober e Maceda, impulsa unha gala de maxia con carácter solidario destinada a recadar axuda para as persoas afectadas polos incendios rexistrados no ano 2025. O evento celebrarase o 19 de xullo ás 18:00 horas no Centro Sociocultural do municipio e será de acceso gratuíto.

A proposta xorde no marco da actividade desta entidade, creada tras a DANA de Valencia de novembro de 2024, co obxectivo de levar espectáculos de ilusionismo a territorios e colectivos afectados por catástrofes naturais. Desde a súa creación, o colectivo ten organizado máis de 60 galas.

Sober será a primeira parada da xira titulada “A maxia que renace”, na que participarán tres magos. Tras esta cita inicial en Galicia, o espectáculo continuará o seu percorrido por outros municipios galegos e tamén por localidades de León.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, expresa o desexo de que as veciñas e veciños das zonas afectadas polos incendios do pasado ano poidan achegarse ao evento como un xesto de lembranza e recoñecemento aos momentos difíciles vividos.

Desde a organización destacan o carácter humano da proposta e a súa finalidade de ofrecer apoio emocional a través da arte: “En Magos Solidarios convertemos a maxia nun acto de xenerosidade”.

A asociación mantén ademais unha liña de recollida de axuda destinada tamén ás persoas damnificadas polos terremotos rexistrados en Venezuela. As achegas poderán realizarse durante as galas ou a través da súa páxina web Magos Solidarios, onde tamén se facilita información sobre o proxecto solidario.

0.33863806724548