Soledad García Rivero: “O galego necesita seguir presente nos espazos onde se crean os afectos”

A escritora, ilustradora e impulsora de Emocionaria defende o papel da literatura, da natureza e da infancia como ferramentas para fortalecer o uso do galego e fomentar o respecto polo patrimonio e a biodiversidade
soledad-garcia-rivero
25 Jul 2026

Con máis dunha vintena de obras publicadas, Soledad García Rivero converteu a literatura infantil no eixe dun proxecto cultural que une lingua, educación ambiental e compromiso social. Ao longo da súa traxectoria impulsou, ademais, o proxecto Emocionaria, unha iniciativa que busca espertar a curiosidade e crear vínculos emocionais co territorio, a natureza e a lingua.

Como comezou a túa faceta como escritora?

Pois dunha forma moi natural. A min sempre me encantou escribir e pintar. Xa no instituto escribía na revista escolar, pero a miña verdadeira forza creativa xurdiu coa maternidade.

Houbo un momento moi significativo na nosa familia, no que atravesamos unha situación de ruído moi tensa que me obrigou a aprender a perder. Nesa etapa decateime de que escribir era unha maneira de que a miña cabeza deixase de darlle voltas ás cousas. A escritura converteuse nun refuxio, ao mesmo tempo que os libros nacían xunto á miña filla e ás súas preguntas. Por exemplo, en DEDAS dei vida a Sorpresa, unha nena que consegue cumprir o seu soño de converterse en serea. ZOO Libre xurdiu porque non quería que visitase o zoolóxico e vise os animais engaiolados. E, en SAMAGOSTÍN, quería recuperar unha tradición tan nosa como o Samaín, o final do verán, e axudar a vencer o medo aos seres escuros que rondan a noite do 31 de outubro.

Ao longo da túa traxectoria publicaches máis dunha vintena de obras e recibiches numerosos recoñecementos. Como afectou isto á túa carreira?

Con cada libro abro unha nova porta que me permite tratar un tema que me preocupa. Os premios e os recoñecementos son unha alegría porque dan visibilidade ao traballo, pero o máis importante segue a ser o encontro coas lectoras e cos lectores.

O que máis me emociona é ver como un libro provoca unha conversa, anima unha familia a facer unha ruta ou fai que unha nena ou un neno mire unha árbore, unha praia ou un animal con outros ollos, mesmo ata o punto de adoptalo. En realidade, é unha paixón. Por desgraza, é moi difícil vivir da literatura. O que quero é seguir construíndo un proxecto no que o álbum ilustrado, a poesía, a divulgación, o cómic e os libros con rutas sexan ferramentas para aprender, emocionar e crear conciencia.

Ademais de escritora, es ilustradora, realizas sesións de contacontos e impulsas proxectos culturais. Como combinas todas esas facetas?

A realidade é que todas forman parte do mesmo proceso creativo. Nos meus primeiros libros contei con ilustradoras marabillosas como Ángela Costas, Natalia Guisande e Laine Villero. Sempre que escribo xa estou imaxinando as ilustracións, a música, os xogos ou as actividades que acompañarán esa historia, por iso animeime de novo a ilustrar. Quen me coñece ben sabe que, antes de escribir, pintaba.

Gústame que os libros continúen máis alá das súas páxinas. Por iso moitas das obras inclúen audios, vídeos, cancións, rutas e actividades. Creo que a mellor forma de divulgalos é a través dos contacontos, dos proxectos solidarios e de experiencias como as campañas Adóptame en Vigo, Vigo Planeta, A árbore dos chupetes no arboreto da Fundación Sales ou A cociña dos contos nos colexios. Pero nada disto sería posible sen a miña familia. O meu marido e a miña filla forman parte do meu soño, Emocionaria.

Por outra banda, formas parte do grupo de Promoción do Uso do Galego (PUGA). Desde a túa experiencia, cales son os principais desafíos para a normalización do galego hoxe?

Creo que o maior desafío é conseguir que o galego sexa unha lingua de orgullo e que forme parte das emocións e da vida cotiá. As linguas non se conservan só porque se estuden; hai que mantelas vivas no xogo, nas cancións, nas historias que nos contamos e na forma de relacionarnos.

A cultura ten unha responsabilidade importante. Se conseguimos que unha nena ou un neno asocie o galego a un conto, a un paseo pola natureza ou a unha actividade divertida, estaremos creando un vínculo moito máis forte. O futuro da lingua pasa por conseguir que as novas xeracións a sintan como algo propio e vivo e, sobre todo, que estean orgullosas dela.

Respecto ao proxecto Emocionaria Arte e Literatura, como nace esta iniciativa?

Emocionaria naceu en 2021 baixo o lema “Un conto, unha emoción”, coa idea de crear libros en galego que unisen literatura, arte, natureza, patrimonio, educación ambiental e compromiso social, acompañados do hashtag #ogalegocomovozdaterra.

A partir da saga Garatuxas do Val Miñor, o proxecto foi medrando ata converterse nun ecosistema cultural no que conviven a creación literaria, a ilustración, a poética, os contacontos, a divulgación ambiental e mesmo a poesía visual. Todo está conectado.

Emocionaria defínese como un “ecosistema cultural”. Que significa exactamente esa idea?

Nun ecosistema todo se relaciona e todo se necesita. Iso é Emocionaria. Un libro pode converterse nunha ruta, nun obradoiro, nunha canción, nun audiolibro, nun videolibro ou nun encontro.

Os libros non rematan na última páxina. Medran coas persoas que os len e coas experiencias que nacen ao seu redor. Ese é o sentido de falar dun ecosistema cultural.

En que consiste exactamente o proxecto? Cales son os seus obxectivos?

Emocionaria é un proxecto de prestixio da lingua galega no que emprego a literatura como punto de partida para aprender, sentir e actuar. Moitas das historias son reais, como Carla, a golfiña cachalote, APOSIOPESE, O barco de Nadal e URCO. Todas incorporan propostas didácticas con xogos, música, audios, vídeos, actividades, experimentos, aposiotempos e rutas para que a historia continúe máis alá da lectura.

A partir de aí van xurdindo diferentes liñas. Na colección Un paseo por… convido a recuperar o mosaico milenario de Panxón, defender os garranos da Serra da Groba, as terras raras do Galiñeiro e os verdadeiros valores do Nadal. En Versos e abellas poño o foco na importancia das abellas e da polinización, e no Herbario do solsticio de verán recupero os saberes populares arredor do ramo de San Xoán. Noutros proxectos como URCO, unha historia reciclada e Son Xena, adóptasme? convido a reflexionar sobre o benestar animal, a adopción e a necesaria esterilización dos gatos ferais. En Misión para unha formiga, personaxes como Safa, Gante, Fortunato, Puga, Xenaro ou Chispa ensinan a coidar as árbores, os mares, a reciclar e reutilizar residuos, a observar as estrelas e a comprender que os pequenos xestos cambian o planeta.

E en obras como LOST ou A órbita de Briana introduzo dimensións máis emocionais centradas na autoestima e na capacidade de afrontar as adversidades.

O obxectivo é que cada libro esperte a curiosidade e anime as persoas a implicarse no coidado do patrimonio natural, no benestar dos animais e na conservación da biodiversidade para lograr un mundo máis xusto, máis amable e máis humano.

O proxecto aposta claramente pola infancia e a mocidade. Cres que aí se xoga o futuro do galego?

Sen dúbida. A infancia é o momento no que nacen os vínculos máis fortes. Se o galego está presente nas historias que emocionan, nos xogos, nos paseos, na música e nas experiencias compartidas, será moito máis doado que forme parte da vida desas nenas e deses nenos cando medren.

Creo nunha infancia protagonista, que le, experimenta, observa, pregunta, crea e transforma a súa contorna. E agora estou abrindo novas liñas de traballo dirixidas á adolescencia e á accesibilidade, incorporando a lingua de signos, outra lingua que tamén necesita ser escoitada.

Que papel desempeña o territorio dentro de Emocionaria?

O territorio é unha fonte inesgotable de historias. Creo que só podemos coidar aquilo que coñecemos e queremos. Por iso os libros de Un paseo por Nigrán, Baiona, Gondomar ou Un paseo polo Nadal de Vigo converten praias, montes, ríos, petróglifos, pazos e lendas en escenarios de aventuras.

Quero que miremos o lugar onde vivimos con curiosidade, con orgullo e coa responsabilidade de conservalo para as futuras xeracións.

Dis que o galego nace do lugar, transmítese a través do afecto e consolídase no uso cotián. Cres que hoxe estamos perdendo algún deses tres piares?

Creo que vivimos un momento no que é necesario reforzalos máis ca nunca. O galego necesita seguir presente nos espazos onde se crean os afectos: nas casas, nas escolas, nas bibliotecas, nas amizades, na cultura e no contacto coa natureza.

Sempre digo que a lingua nace do lugar porque cada paisaxe ten as súas propias palabras; transmítese a través do afecto porque aprendemos a falar coas persoas ás que queremos; e consolídase cando a usamos con naturalidade. Iso é o que intento transmitir con Emocionaria: que coidar a lingua é coidar a memoria, o territorio, os animais, as persoas e a vida que compartimos.

0.29501795768738