Sonsoles Ónega dá o pregón do San Froilán e Lugo reivindica unhas festas de encontro, tradición e convivencia

Sonsoles Ónega recolle 38 anos despois o testemuño do pregón do seu pai, Fernando Ónega, e reivindica o seu vínculo con Lugo e co San Froilán
san-froilan-2026-Público-pregón-sonsoles-onega-2
4 Oct 2026

Sonsoles Ónega foi a encargada de abrir oficialmente o San Froilán cun pregón no que puxo o foco no vínculo familiar e emocional que mantén con Lugo. A xornalista, filla do recentemente nomeado Fillo Adoptivo da cidade Fernando Ónega, tomou o relevo do seu pai 38 anos despois de que el mesmo pronunciase o pregón das festas. Antes do acto, Ónega foi recibida na Alcaldía e asinou no libro de honra cunha mensaxe na que deixou constancia da súa emoción por regresar á cidade para asumir esta responsabilidade. "38 años después de que mi padre Fernando Ónega pregonara o San Froilán cojo el testigo con indisimulada emoción. A vosotros pueblo de Lugo encomiendo mi dicha", escribiu.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, foi a encargada de presentar á pregoeira e reivindicou durante o acto o valor das festas como unha expresión da identidade da cidade e, ao mesmo tempo, como un espazo de encontro e convivencia. Candia destacou que o San Froilán é unha celebración que "une e reúne", especialmente necesaria, segundo sinalou, "en tempos difíciles como os que corren".

A rexedora recorreu á coñecida definición de Álvaro Cunqueiro do San Froilán como "as festas máis fermosas do outono galego", unha consideración coa que asegurou coincidir por tratarse dunha celebración na que, ao seu xuízo, "non teñen sitio os muros que algúns queren levantar entre nós".

Nesa mesma liña, Candia presentou Lugo como unha cidade "de portas abertas e acolledora" durante as festas, pero tamén como unha cidade dinámica e tranquila á vez, que afronta os seus retos con "rigor, apertura de miras e optimismo". Entre esas cuestións situou o acceso á vivenda, un dos problemas sobre os que asegurou que o Concello continúa traballando.

O programa do San Froilán foi outro dos elementos empregados pola alcaldesa para definir o modelo de cidade que pretende representar Lugo. Candia reivindicou a vontade de "buscar pontes e traballar o entendemento con outros territorios" e puxo como exemplo a relación con Ourense, dúas cidades da denominada "Galicia de interior" que, segundo afirmou, poden establecer alianzas para construír un futuro común.

A alcaldesa tamén salientou a importancia de apoiar o talento local. "Coidar o talento local é unha prioridade", afirmou, lembrando a presenza da Banda Municipal de Música e das corais nos primeiros compases das festas.

A tradición vinculada ao sector primario e á feira que deu orixe ao San Froilán tamén tivo un espazo no pregón. Candia aproveitou o seu discurso para enviar "unha forte aperta á familia da persoa falecida o ano pasado no desfile de gando", actividade que este ano non forma parte do programa festivo.

Os Pelúdez ocuparon igualmente un lugar destacado na intervención da alcaldesa. Candia puxo en valor o traballo realizado para achegar esta tradición ás novas xeracións mediante visitas a colexios, hospitais e escolas infantís. Unha tradición que convive, segundo destacou, cun San Froilán moderno e vivo, representado polas orquestras, os concertos para diferentes públicos, as agrupacións locais e os pasarrúas.

No tramo final do pregón, a alcaldesa referiuse directamente a Sonsoles Ónega, á que definiu como unha xornalista brillante e cunha relación especial con Lugo a través do seu pai. Candia asegurou que Fernando Ónega lle transmitiu "o lucensismo, o orgullo lucense e a grandeza da nosa cidade e do noso San Froilán".

A rexedora pechou a súa intervención cunha chamada á participación cidadá: "Disfrutade e sentide estas festas que son vosas", expresou, ao tempo que trasladou o seu desexo de que os lucenses gocen do San Froilán tanto como o Goberno municipal disfrutou preparando o programa.

47 propostas para o San Froilán Miúdo

A programación infantil toma tamén protagonismo nestas festas cunha nova edición do San Froilán Miúdo, que reúne 47 actividades destinadas a nenos, nenas e familias. A oferta combina espectáculos, música, teatro, cine, xogos e propostas creativas para incorporar os máis pequenos como protagonistas da celebración.

Entre as citas destacadas atópase a actuación de Pica Pica, prevista para este luns 5 de outubro ás 12.00 horas na Horta do Seminario. O espectáculo "San Froilán Pekes" será de balde e permitirá ao público familiar desfrutar da proposta deste coñecido grupo de música e teatro infantil.

Outra das actividades programadas é "Diminuts", da compañía La Fam Teatre, un espectáculo itinerante que terá lugar este luns ás 11.30 e ás 18.30 horas. As dúas sesións partirán do patio do Edificio Administrativo do Concello e percorrerán Bispo Aguirre, a praza Maior e Campo Castelo, convertendo as rúas nun escenario para a interacción co público.

A programación infantil incorpora ademais o Festivaliño Xacobeo On the Road, unha proposta de cinema itinerante que chegará aos barrios a bordo da caravana "A caixiña dos mistos". O festival ofrecerá curtametraxes nacionais e internacionais para público de entre 0 e 12 anos entre os días 5 e 12 de outubro.

A primeira sesión será este luns na praza da Fonte dos Ranchos, de 17.00 a 20.00 horas. O martes 6 trasladarase á praza de Augas Férreas; os días 7 e 8 estará na praza da Soidade; o venres 9, na praza do Castiñeiro; o sábado 10, na praza do Agro do Rolo; o domingo 11, no parque do Sagrado Corazón, e o luns 12 regresará á praza da Soidade.

A música familiar tamén contará cun espazo propio. O martes 6 de outubro, ás 18.30 horas, o patio do Edificio Administrativo do Concello acollerá "Parabéns para nós! X Aniversario A Gramola Gominola".

O San Froilán Miúdo inclúe igualmente o Gran Proxecto da Cidade "Lugo constrúe o San Froilán", un obradoiro de manualidades dirixido pola coach lucense Paula Núñez. A oferta complétase con actividades de maxia, danza, xogos, teatro, música e creación adaptadas a diferentes idades.

O BNG reclama o regreso do castañeiro á praza Maior

No ámbito político, o BNG puxo o foco nun elemento tradicional que, segundo denuncia, quedou fóra das festas deste ano: o posto de castañas da praza Maior.

A edil nacionalista Cristina López criticou que o novo Goberno municipal autorizase diferentes postos de castañas durante o San Froilán, pero non permitise a instalación do tradicional castañeiro da praza Maior. Segundo afirmou, trátase dun dos elementos máis recoñecibles das festas lucenses e un posto que se situaba habitualmente neste espazo.

"Isto responde a unha decisión política do novo goberno municipal do PP, que si autorizou diversos postos no recinto feiral e noutras zonas do San Froilán, mais non o da praza Maior", sinalou López.

A concelleira asegurou ademais que o castañeiro solicitou o permiso como en anos anteriores e que, segundo a información manexada polo BNG, "non hai ningún impedimento legal, xa que leva anos colocándose".

Por este motivo, López pediu ao Goberno municipal que rectifique e permita o regreso do posto á praza Maior. "Onde sempre estivo e onde a xente o espera cada ano como parte inseparable das festas e do outono lucense", defendeu.

A edil nacionalista considerou finalmente que a decisión é "unha nova mostra da falta de coñecemento da cidade por parte do PP", ao entender que se deixa fóra das festas un dos postos máis identificativos do centro de Lugo.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

 

 

0.28884100914001