SOS Sanidade Pública acorda manter as mobilizacións e preparar unha campaña en defensa da atención sanitaria

A plataforma felicitou aos colectivos que continúan convocando protestas ao longo do verán para denunciar os peches de consultas, camas hospitalarias e centros sanitarios
manifestacion-sanidade-santiago
6 Jul 2026

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia acordou manter e reforzar as mobilizacións en defensa da sanidade pública durante os vindeiros meses, segundo se recolle na acta da reunión celebrada o pasado 3 de xullo. No encontro participaron representantes de distintas plataformas locais de toda Galicia, organizacións sindicais, formacións políticas e colectivos profesionais vinculados ao ámbito sanitario.

Durante a xuntanza, a plataforma felicitou ás organizacións e colectivos que continúan convocando protestas ao longo do verán para denunciar os peches de consultas, camas hospitalarias e centros sanitarios, así como a falta de profesionais, os problemas no transporte sanitario e o incremento das listas de espera tanto en Atención Primaria como nos hospitais.

Entre os acordos adoptados figura a continuidade das mobilizacións e a preparación de accións conxuntas en toda Galicia. Entre as propostas expostas atopan­se peches simbólicos de centros de saúde e puntos de atención continuada, andainas reivindicativas e caravanas de vehículos. As distintas plataformas territoriais deberán agora valorar estas iniciativas para decidir cal delas se leva a cabo e en que data, coa intención de realizala antes de que remate o verán.

Outro dos asuntos abordados foi a situación da saúde mental. Representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, da Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas e do Movemento Galego de Saúde Mental trasladaron unha proposta para organizar actividades informativas e de debate na semana previa ao 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental. O obxectivo destas accións será denunciar a falta de especialistas e as longas listas de espera que afectan ás persoas usuarias deste servizo. A campaña concluirá cunha xornada específica o propio 10 de outubro, acompañada de concentracións e comunicados conxuntos.

A plataforma tamén analizou as recentes declaracións e iniciativas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en relación coa xestión das baixas laborais. Os participantes cualificaron de moi preocupante a intención de trasladar o control das incapacidades temporais ás mutuas laborais, ao considerar que esta medida pode afectar tanto aos dereitos das persoas traballadoras como ao modelo de atención integral que presta a Atención Primaria. Neste sentido, acordouse elaborar unha proposta conxunta coa participación de sindicatos e organizacións profesionais afectadas para expresar o seu rexeitamento á medida.

A reunión estivo coordinada polo voceiro nacional da plataforma, Manuel Martín, quen destacou a necesidade de manter a presión social para reclamar melloras no sistema sanitario público galego.

0.26660203933716