Sumar alerta do repunte da violencia machistas en Galicia

Movemento Sumar Galicia advertiu de que o aumento da violencia machista en Galicia evidencia o fracaso das políticas impulsadas pola Xunta nesta materia e reclamou un cambio profundo que sitúe a igualdade e a prevención no centro da acción pública.
Segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CGPJ, durante o primeiro trimestre de 2026 rexistráronse en Galicia 1.906 denuncias (unha media de 21 ao día) e 1.741 mulleres vítimas. Os datos evidencian tamén unha especial preocupación entre a mocidade: os xulgados de menores axuizaron sete adolescentes por delitos relacionados coa violencia sobre a muller, máis do dobre que no mesmo período do ano anterior. Para Movemento Sumar Galicia, estas cifras resultan especialmente preocupantes ao coincidir cun aumento das actitudes machistas e das condutas de control entre a xente nova, unha realidade recoñecida pola propia Xunta que, ao seu xuízo, require reforzar as políticas públicas de igualdade.
"A violencia machista non aparece de maneira espontánea. Aliméntase da desigualdade, do machismo e duns discursos reaccionarios que están gañando espazo entre a mocidade. Se queremos combater a violencia de xénero, temos que combater antes a desigualdade que a sostén", afirma Rocío Núñez, secretaria de Igualdade de Movemento Sumar Galicia.
Para a organización laborista, a falta de resposta do Executivo galego ten o seu reflexo na propia estrutura institucional, tras a eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade. A formación considera que a Xunta continúa apostando por actuacións puntuais incapaces de responder a un problema estrutural.
"A igualdade non se constrúe con campañas ocasionais nin con recursos insuficientes e itinerantes. Necesitamos unha estratexia integral que reforce a coeducación, a educación afectivo-sexual e a atención especializada", sinala.
Núñez, quen cualifica de "especialmente grave" que o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero afirmase que as políticas preventivas non gardan relación directa coa evolución dos feminicidios.
Sumar Galicia lembra que o propio Consello de Contas advertiu da insuficiencia dos recursos destinados á prevención. "Negar o papel da prevención é un erro político e social. A prevención salva vidas porque actúa antes de que a violencia apareza, desmontando os comportamentos que a fan posible", conclúe a secretaria de Igualdade da organización.
Por todo iso, a formación reclama á Xunta que recupere un compromiso real coa igualdade, reforce os recursos públicos de prevención e atención ás vítimas, recupere unha estrutura institucional forte para as políticas de igualdade e sitúe o feminismo como eixo transversal de todas as políticas públicas.