Sumar Galicia acusa á Xunta de trasladar ás familias o custo dos recortes na conciliación

Movemento Sumar Galicia acusou á Xunta de Galicia de reducir o apoio público á conciliación e de trasladar ás familias o custo dos recortes. O secretario xeral da formación, Paulo Carlos López, cualificou de «auténtica vergonza» que as familias galegas estean a asumir as consecuencias de decisións que, ao seu xuízo, dificultan o acceso ás axudas públicas.
López centrou as críticas nos cambios introducidos no Bono Concilia, que deixan fóra as familias que durante o verán utilizaron campamentos e servizos de conciliación organizados polos concellos. «As familias matricularon os seus fillos e fillas, pagaron os campamentos e organizaron todo o seu verán contando cunhas condicións que agora cambian. Non se poden cambiar as regras cando o partido xa rematou», afirmou.
Para Sumar, esta situación forma parte dunha política máis ampla de redución do apoio público á conciliación. A formación tamén denuncia os recortes ás ANPA no marco do Plan Corresponsables, que, segundo sinala, deixaron entidades fóra do financiamento e obrigaron a prestar determinados servizos con menos recursos. «Cando unha ANPA perde financiamento, ese diñeiro non desaparece por arte de maxia. Ou desaparece o servizo ou o custo acaba trasladándose ás familias a través dun incremento das cotas», advertiu López.
A formación tamén cuestiona as condicións para acceder ao Bono Comedor, que considera demasiado restritivas e susceptibles de deixar fóra familias con ingresos procedentes do traballo, mesmo arredor do salario mínimo. «Ter un emprego e cobrar un salario mínimo non significa que unha familia non teña dificultades», sinalou López, que reclamou políticas sociais adaptadas á realidade económica dos fogares.
Sumar considera que o Bono Concilia, os recortes ás ANPA e as limitacións do Bono Comedor responden a un mesmo problema: «cando a Xunta reduce o apoio público, o custo acaba recaendo sobre as familias». Ademais, critica que o Bono Concilia estableza unha diferenza entre as familias que contratan un campamento privado e aquelas que optan por un servizo municipal.
«Dúas familias poden ter exactamente a mesma necesidade de conciliación e realizar un gasto semellante. Pero unha pode recibir a axuda e outra non simplemente porque escolleu un servizo público. É incomprensible e profundamente inxusto», denunciou.
A formación reclama á Xunta unha rectificación inmediata do Bono Concilia para que os campamentos municipais poidan ser subvencionables, así como unha revisión das políticas de apoio á conciliación, ás ANPA e aos comedores escolares.
«Conciliar non é un luxo. Ter fillos e traballar non pode converterse nunha carreira de obstáculos nin nun gasto cada vez maior. A Xunta non pode aforrar á custa das familias galegas», concluíu Paulo Carlos López.