Sumar Galicia defende a xestión da ministra Mónica García no gromo de antavirus

O Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, vén de por en valor a actuación do Ministerio de Sanidade, dirixido por Mónica García, na xestión do operativo relacionado co gromo de hantavirus detectado no buque MV Hondius, chegado ao porto de Granadilla, en Tenerife. A formación salienta “o exercicio de transparencia, operatividade, colaboración con organismos internacionais, solidariedade como Estado e coordinación institucional” do Goberno de España nun contexto sanitario complexo e sensible.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, afirmou que “é un orgullo ver como unha ministra de Sanidade dá a cara, pisa o territorio, coordina cos equipos técnicos e defende decisións baseadas na evidencia científica, non no alarmismo nin na propaganda”. López subliñou que “Mónica García está agora mesmo en Tenerife facendo o que debe facer unha responsable pública, que é estar presente, explicar, coordinar e actuar con serenidade, con rigor e co apoio dos organismos internacionais”.
Para Movemento Sumar Galicia, esta actuación “demostra que a política útil é a que combina saúde pública, cooperación internacional e responsabilidade institucional”. Segundo Paulo Carlos López, “cando un Estado acolle, coordina, protexe e ofrece unha resposta sanitaria garantista, está defendendo o mellor de si mesmo”. López contrapuxo esta resposta “seria e solvente” ao que cualificou como “a oposición patética de PP e VOX e aqueles que alimentan teorías ridículas sobre super-roedores nadadores”. López di que “fronte á ciencia e fronte á responsabilidade internacional, houbo quen decidiu facer política de taberna. Fronte á cooperación coa OMS, houbo quen preferiu sementar medo. Fronte á transparencia, tivemos unha oposición do PP absolutamente patética, máis preocupada por atacar ao Goberno que por contribuír a unha resposta responsable”, afirmou Paulo Carlos López.
Movemento Sumar Galicia considera que a xestión deste episodio volveu evidenciar a diferenza entre gobernar con datos e facer oposición con bulos. Para López, “a dereita volve demostrar que non ten ningún problema en deteriorar a confianza cidadá nas institucións se iso lle permite erosionar ao Goberno”.