Sumar Galicia denuncia que o plan de residencias da Xunta favorece ao PP

A formación critica o modelo de colaboración público-privada e cuestiona que os concellos acheguen os terreos para desenvolver parte das novas prazas
mans-anciá-maior
16 Sep 2026

Movemento Sumar Galicia denunciou este luns que o novo plan de residencias anunciado pola Xunta favorece ao sector privado e reclama ao Goberno galego que constrúa e xestione directamente os novos centros.

O plan contempla a creación de 25 residencias e 1.800 novas prazas mediante unha fórmula de colaboración público-privada, coa previsión de que polo menos o 60 % das prazas sexan de titularidade pública. Para a secretaria de Igualdade de Movemento Sumar Galicia, Rocío Núñez Rúa, a Xunta presenta como unha ampliación da rede pública un modelo que, na práctica, tamén incorpora a participación do sector privado.

"Se hai solo público e unha necesidade social tan evidente, o que ten que facer a Xunta é construír e xestionar directamente as residencias", sostén Núñez Rúa.

A formación cuestiona especialmente que os concellos teñan que poñer os terreos á disposición para desenvolver un modelo no que unha parte das novas prazas quedará en mans privadas. "Non entendemos que o solo público se utilice para facilitar negocio privado cando estamos falando dun servizo esencial e dunha necesidade crecente de coidados", sinala a responsable de Sumar Galicia.

Sumar reclama tamén transparencia sobre os criterios empregados pola Xunta para seleccionar os concellos nos que se desenvolverán as novas residencias. Segundo a formación, dos 24 municipios inicialmente anunciados no plan, 22 están gobernados polo Partido Popular, fronte a aproximadamente o 51 % do conxunto dos concellos galegos.

"Se a selección responde a criterios técnicos, a Xunta debe publicar os informes, os indicadores e a baremación de todos os concellos. Non abonda con anunciar os centros: hai que explicar por que se escolleron esas localizacións e con que criterios", reclama Núñez Rúa.

Sumar Galicia considera que Galicia precisa incrementar o número de prazas residenciais, pero defende que este crecemento debe facerse mediante unha rede pública suficiente e territorialmente equilibrada. "Precisamos máis residencias, si, pero non máis privatización dos coidados", afirma Núñez Rúa.

A responsable de Sumar reclama que, se a Xunta considera necesarias estas infraestruturas, sexa a propia Administración a que achegue os recursos para construílas e xestionalas directamente. Ao seu xuízo, esta sería a vía para garantir que "o dereito aos coidados estea por diante do beneficio empresarial".

0.38430786132812