Sumar Galicia presentará unha ILP con máis colectivos sociais que declare toda Galicia zona tensionada

A organización participou este sábado nas mobilizacións pola vivenda celebradas en distintas cidades galegas
sumar-galicia-vivenda
7 Jun 2026

Movemento Sumar Galicia participou este sábado nas marchas pola vivenda convocadas en diferentes cidades do país para reclamar medidas urxentes fronte á escalada dos prezos do alugueiro e ás difi cultades de acceso a unha vivenda digna que sofren milleiros de galegas e galegos. O secretario xeral da organización, Paulo Carlos López, participou na mobilización de Santiago de Compostela, onde atendeu aos medios de comunicación, onde reivindicou que a crise da vivenda constitúe na actualidade un dos principais factores de desigualdade social. A organización considera que a vivenda converteuse na "auténtica aspiradora de cartos da clase traballadora", absorbendo unha parte crecente dos ingresos das familias e difi cultando especialmente a emancipación da mocidade e o desenvolvemento de proxectos vitais.

Movemento Sumar Galicia sinalou que a principal responsabilidade da situación que vive Galicia corresponde á Xunta e ao Partido Popular, aos que acusa de chegar tarde a todas as medidas necesarias para facer fronte á emerxencia habitacional. A organización lembra que o Goberno galego demorou a aplicación da Lei estatal de Vivenda, non impulsou a mobilización da vivenda baleira e continúa negándose a empregar as ferramentas dispoñibles para conter os prezos do alugueiro.

Neste sentido, tamén criticou o voto contrario do Partido Popular á recente conxelación dos alugueiros durante dous anos, unha medida que podería benefi ciar a arredor de 150.000 persoas en Galicia. Para Movemento Sumar Galicia, esta decisión evidencia que o PP continúa situándose do lado dos intereses especulativos fronte ás necesidades da maioría social.

Ao mesmo tempo, a formación puxo en valor as medidas impulsadas por Sumar desde o Goberno do Estado. A pesar de non dispoñer de competencias directas en materia de vivenda, destacou actuacións promovidas polo ministro Pablo Bustinduy para limitar os abusos das vivendas de uso turístico e perseguir prácticas irregulares das grandes inmobiliarias mediante procedementos sancionadores.

Durante a mobilización, Paulo Carlos López anunciou ademais que Movemento Sumar Galicia ten xa preparada a súa Iniciativa Lexislativa Popular pola vivenda, que será presentada ao longo deste mes tras un proceso de diálogo con organizacións sociais, sindicais e políticas para incorporar as súas propostas e demandas.

A iniciativa incluirá, entre outras medidas, a declaración de toda Galicia como zona tensionada, a limitación dos prezos do alugueiro, a mobilización da vivenda baleira cara ao mercado residencial e a regulación dos prezos das residencias privadas para estudantes.

Movemento Sumar Galicia avanzou que nas próximas semanas dará a coñecer os colectivos sociais, sindicais e políticos que se incorporan a esta iniciativa, coa vontade de construír unha ampla alianza galega en defensa do dereito á vivenda e de impulsar solucións efi caces fronte a unha das principais preocupacións da cidadanía.

0.37927913665771