Sumar Galicia reclama á Xunta actuacións urxentes nas zonas afectadas polos lunes tras o derrubamento dunha estrada en Quiroga

Denuncian illamento de aldeas, falta de prevención e deficiencias na xestión das zonas queimadas
incendio-quiroga
30 Apr 2026

Movemento Sumar Galicia advertiu da situación que se vive en distintos puntos do interior galego tras o derrubamento dunha estrada no municipio de Quiroga, un incidente que deixou sen acceso a varias aldeas da zona. Segundo a formación, o suceso prodúcese nun contexto de forte erosión do terreo tras os incendios do pasado verán e as intensas choivas rexistradas nos últimos meses.

A organización política considera que non se trata dun feito illado, senón dunha consecuencia da falta de medidas preventivas e de restauración ambiental nas áreas afectadas polo lume. Neste sentido, alerta de que a escorrentía e a perda de solo están a xerar problemas crecientes noutras comarcas do interior, especialmente na contorna do río Sil.

Movemento Sumar Galicia tamén puxo o foco nos problemas de abastecemento de auga que, segundo denuncia, se están a rexistrar en zonas da Rúa, Vilamartín e O Barco de Valdeorras. Veciños e veciñas estarían a recibir auga con turbidez procedente dos arrastres en zonas queimadas, unha situación que leva días repetíndose e que preocupa pola súa posible incidencia na saúde e polos danos en instalacións domésticas.

A formación critica a falta de resposta da Xunta de Galicia e reclama medidas estruturais para protexer as captacións de auga e evitar que os efectos dos incendios se prolonguen no tempo. Ao seu xuízo, a ausencia de actuacións está a agravar os impactos ambientais meses despois dos lumes.

Desde Movemento Sumar Galicia insisten en que os incendios non rematan cando se extinguen as lapas, senón que os seus efectos continúan se non hai intervención posterior. Neste sentido, advirten de que “a falta de restauración ambiental e de protección das zonas queimadas está convertendo cada episodio de choiva nun perigo para as infraestruturas, para o abastecemento de auga e para a propia seguridade da veciñanza”.

A formación reclama, ademais, actuacións inmediatas para restablecer o acceso ás aldeas afectadas en Quiroga, medidas de estabilización do terreo nas zonas queimadas e un plan específico para garantir a calidade da auga e reducir o risco de novas afeccións

0.35248398780823