Sumar Galicia reclama actuacións urxentes nas estradas de titularidade estatal ao seu paso pola provincia de Ourense

Movemento Sumar Galicia denunciou hoxe o “estado penoso no que se atopan as estradas de titularidade estatal na provincia de Ourense” e reclamou actuacións urxentes para garantir a seguridade viaria. Segundo a formación, a situación das vías representa un “serio perigo para o transporte de persoas e mercadorías”, con enormes fochancas, firme en mal estado, infraestrutura de servizo deficiente, problemas de drenaxe, sinalización inadecuada ou inexistente e ausencia de carrís desdobrados en puntos estratéxicos. Todo isto converte moitas viaxes nun percorrido longo e perigoso.
O problema intensificouse tras os temporais de finais de 2025 e os primeiros meses deste ano. Movemento Sumar Galicia alerta da presenza de puntos negros con acumulación de augas, que aumentan o risco de aquaplaning e saídas de vía, así como árbores caídas e desprendementos de terreo, sobre todo nas zonas afectadas polos incendios do verán pasado.
A formación sinala como prioritarias varias actuacións concretas. Entre elas, a N-120 entre O Barco e Guítara, afectada por fochancas, falta de pintura viaria, problemas de drenaxe e asolagamentos; o tramo entre A Rúa e Quiroga, con desprendementos e fochancas; e o percorrido entre Os Peares e Ourense, onde consideran necesario o desdobramento de carrís. Tamén destacan a A-75 entre Verín e a fronteira portuguesa e a A-52 entre A Canda e Verín, ambas con fochancas e problemas de drenaxe. Outras vías sinaladas inclúen a N-541 entre O Carballiño e O Paraño, pola mala visibilidade e a deficiente sinalización, e a N-536 entre San Xusto e O Barco, afectada por fochancas, roturas do firme, peraltes defectuosos e estreitamentos derivados das obras da A-76 que aínda non se resolveron.
A formación insta ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a acometer con carácter inmediato os traballos necesarios nestas estradas, así como a acelerar as obras da A-76 (Autovía Ponferrada-Ourense) e da circunvalación do Barco, integradas nesta infraestrutura estratéxica. “É imprescindible garantir a seguridade viaria na provincia de Ourense”, afirmou Movemento Sumar Galicia, que avanzou que o Grupo Parlamentario Plurinacional de Sumar presentará unha pregunta ao ministro competente para instar á urxente execución destas actuacións.